Toponimízate acode a Melón coa urxencia de recuperar os seus nomes de lugar

Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra desprázase este venres ás terras do Ribeiro coa urxencia de concienciar a súa veciñanza da necesidade de recuperar os nomes de lugar do concello de Melón. A cita coa campaña da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia será este venres 26 de setembro, a partir das 20:00 h na Casa do Concello e será presentada polo alcalde, Emilio Luís Díaz Vidal.

Melón é un dos concellos que menos achegas públicas recibiu desde a posta en funcionamento de Galicia Nomeada no ano 2019. Só se rexistraron 5 persoas na plataforma que incluíron 25 novos topónimos. Ademais, neste municipio ourensán conflúen dous datos demográficos alarmantes que poñen en risco a supervivencia da súa toponimia menor: no que vai de século perdeu máis dun terzo da súa poboación e unha quinta parte dos seus habitantes censados teñen máis de 85 anos

Estes tres condicionantes fan máis que urxente a colaboración de todas as persoas amantes da noso patrimonio cultural para que os nomes de leiras, penedos, camiños, regos... do concello de Melón non desaparezan e poidan conservarse grazas ao proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Este é o principal obxectivo da palestra que ofrecerá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, quen comezará a charla cunha reflexión sobre a importancia dos nosos nomes de lugar como patrimonio cultural inmaterial, a súa alarmante perda e a necesidade de salvagardalos e de transmitilos ás futuras xeracións. 

A parte central da charla estará dedicada a Galicia Nomeada, a plataforma que leva recuperados milleiros de topónimos en todo o país grazas ao esforzo de centos de persoas, institucións e entidades. Daquela, explicaranse dun xeito ameno e práctico as principais funcionalidades da plataforma, tanto na súa versión de escritorio como nas aplicacións para dispositivos móbiles, co fin de que as persoas finalicen a sesión sabendo como solicitar unha conta de usuario, como engadir un topónimo e achegarlle fotografías, arquivos de son, lendas..., así como facer suxestións sobre os erros que poidan existir nos nomes que xa figuran no visor.

Para o final quedará unha das partes que máis atención acapara nas charlas Toponimízate: a análise dos nomes das parroquias e aldeas de cada concello. Vicente Feijoo explicará a orixe e significado de nomes como As Mestas, aldea deste concello que é o resultado da evolución do latín MIXTAS, un adxectivo en feminino plural que na toponimia designa lugares onde se produce o encontro de dous cursos fluviais, neste caso o río Cerves co río da Armada.

A Estrada, seguinte parada da campaña Toponimízate

A campaña Toponimízate desprazarase a vindeira semana ao concello pontevedrés da Estrada. A cita será o xoves 2 de outubro na Casa das Letras - Biblioteca municipal a partir das 19:00 horas.

Tipos