Toponimízate acode a Ortigueira coa urxencia de recuperar os seus nomes de lugar

Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra desprázase este xoves ás terras de Ortegal co obxectivo de concienciar a súa veciñanza da necesidade de recuperar os nomes de lugar de Ortigueira. A cita coa campaña da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia será este xoves 20 de outubro, a partir das 11:00 h no Teatro da Beneficencia, e será presentada por Juan Manuel Cao García, concelleiro de Educación e Cultura.

Ortigueira é o concello do país con máis núcleos de poboación deshabitados, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, pois son máis dun cento as entidades que carecen de poboación na actualidade. No que vai de século XXI, a poboación reduciuse un 40% e hoxe o 46% dos seus habitantes teñen 60 anos ou máis. A estes preocupantes indicadores poboacionais do concello cómpre sumarmos outro dato: só 8 das súas 22 parroquias foron obxecto dos traballos de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que este estivo activo. Soamente Céltigos, Couzadoiro, Cuíña, Espasante, Loiba, Luama, Luía e Ortigueira contan cos nomes das súas leiras, camiños, pedras, montes, regos... recollidos.

A suma destes dous factores, o despoboamento do concello e uns traballos recolla que só cubriron un terzo do seu territorio, fai que a toponimia tradicional en Ortigueira estea en serio risco de desaparecer e sexa máis urxente ca nunca a súa compilación. Por tanto, a procura de persoas que queiran colaborar coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para recuperar a toponimia será o principal obxectivo con que chega a campaña Toponimízate a este concello coruñés.

A charla será impartida por Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada. O funcionamento desta plataforma e como colaborar con ela centrará boa parte do evento. A segunda das partes será explicarlles ás persoas asistentes os nomes das súas 22 parroquias e as etimoloxías dalgunha das máis de 700 entidades de poboación coas que conta. Nesta parte máis científica conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia e académico da RAG. Tamén solicitará a colaboración cidadá para o labor de actualización que se está a realizar no Nomenclátor oficial de entidades de poboación de Galicia, xa que neste concello trataron de agruparse moitas pequenas aldeas baixo un mesmo nome, cando histórica e popularmente teñen cada unha nome de seu

Allariz, vindeira cita coa toponimia

A campaña Toponimízate desprazarase do norte da provincia da Coruña ao centro da provincia de Ourense: este mesmo venres, a Casa da Cultura de Allariz recollerá a remuda desta campaña que procura implicar a poboación galega na compilación da súa toponimia tradicional. O evento comezará ás 20:00 horas.  
 

 
Tipos