Toponimízate e Oleiros unen esforzos na recuperación da súa toponimia tradicional

A última das charlas do mes de outubro da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra foi ben especial: ducias de maiores de Oleiros encheron o auditorio da Fábrica en Perillo para presentaren o proxecto en que levan un ano traballando, Os nomes de Oleiros, un programa realizado a través dos Talleres de Memoria do Programa de avellentamento activo deste Concello. A animadora sociocultural e coordinadora deste proxecto local, Élida Rodríguez Ferreño, xunto coa  concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Belén Taboada Casal, aproveitaron a presenza da campaña da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia para sumaren os seus esforzos e o traballo de moitas das persoas asistentes ao proxecto institucional de recuperación da microtoponimia galega. 

As 200 persoas que participan nos diferentes obradoiros de memoria que organiza o Concello de Oleiros en todas as parroquias realizaron un traballo de investigación sobre os nomes que forman ou formaron a súa paisaxe colectiva. O punto de partida é a memoria, as lembranzas das vivencias de cando eran pequenas e pequenos, ao que xuntan a procura de documentación coa que traballan nos diferentes obradoiros. A partir de aí, realizáronse diferentes entrevistas coas persoas máis maiores de cada lugar cuxo resultado é unha ampla relación dos nomes históricos de diversos lugares, nomes das antigas leiras, de fontes, de lavadoiros que xa non existen, camiños que desapareceron no desenvolvemento urbano, as pedras que servían de marcos entre parroquias ou simplemente que tiñan o seu propio nome. Algúns destes nomes foron acompañados das lendas que teñen asociadas e das historias que escoitaron sobre eles.

Esta acción local compleméntase á perfección co grande proxecto colaborativo que é Galicia Nomeada. A concelleira e mais a animadora sociocultural anunciaron que os topónimos que foron recuperados grazas ao proxecto Os nomes de Oleiros serán incluídos na plataforma Galicia Nomeada, un traballo que é esencial nun municipio como este, no que non se levou a cabo o Proxecto Toponimia de Galicia e que tan rápido está a mudar a súa paisaxe nas últimas décadas debido ao desenvolvemento urbanístico.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, quixo agradecer o traballo a prol da recuperación da toponimia tradicional do Concello de Oleiros e animounos a engadilo canto antes na plataforma Galicia Nomeada para difundilo ao mundo e para que sirva de exemplo noutros concellos galegos. Fixo fincapé na riqueza toponímica de Galicia e da necesidade de salvagardala ante a súa alarmante perda. A continuación explicou o funcionamento de Galicia Nomeada para que as persoas asistentes, que practicamente enchían o auditorio, puidesen utilizala para a recuperación da toponimia, ben por colectivos ou ben de forma particular: como darse de alta no proxecto; como funcionan as versións da aplicación para dispositivos móbiles (Android e IOs); como engadir un topónimo novo; como achegar fotos, audios ou vídeos; como enviar suxestións etc. Foron, entre outros, os aspectos que se trataron na charla. 

Houbo tamén un espazo para tratar a orixe e o significado dos topónimos deste concello, moitos deles un enigma aínda hoxe. As etimoloxías contaron coa achega de Gonzalo Navaza, experto en toponimia do Seminario de Onomástica na véspera da súa entrada como académico de número da RAG. Entre as máis comentadas, as da Babilonia e Nirvana.

Charlas Toponimízate en novembro

A campaña Toponimízate visitará 5 concellos durante o mes de novembro. As citas serán en  Ponteareas o mércores, 9 de novembro ás 20:00 h no auditorio municipal; Forcarei, o venres, 18 de novembro, ás 12:00 h no CEIP Nosa Señora das Dores; Guntín, o mércores, 23 de novembro ás 12:00 h na Casa da Cultura; O Incio, o venres 25 de novembro ás 19:00 h no salón de usos múltiples da Casa do Concello; e, finalmente, Zas, o luns, 28 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio.
 

Galería de imaxes
Tipos