Toponimízate traspasa fronteiras e chega ao Bierzo
O programa Toponímizate. Coñece os nomes da túa terra traspasou fronteiras este 30 de novembro. Vicente Feijoo mais o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, achegáronse á Casa do Concello de Carucedo para impartir unha charla moi especial enmarcada dentro dos actos do II Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo e Sanabria, co que a Academia colabora xunto ao Grupo As Médulas para lingua e a cultura galegas no Bierzo, Edicións Positivas, o Instituto de Estudios Bercianos, o Consorcio Comarcal do Bierzo, a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.
Na presentación deste relatorio interviron Alfonso Fernández Pacios (alcalde do concello de Carucedo), Francisco Macías (membro do Grupo As Médulas), Mar Palacio Bango (presidenta do Instituto de Estudos Bercianos), María Lourdes Batán Aira (subdirectora Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia) e Víctor F. Freixanes, como presidente da RAG. Na charla estaban presentes varios alcaldes da zona moi interesados en recoller a microtoponimia do seu territorio a través da aplicación Galicia Nomeada que lles presentou Vicente Feijoo. Un deles foi o alcalde de Corullón, Luis Alberto Arias González, quen fixo de anfitrión pola tarde no acto de entrega do II Premio Morales para a Promoción do idioma galego no Bierzo e Sanabria. Tras os pasos de Morales: “O fiandón da aldea”. Previamente a esta entrega de premios, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes mais o académico correspondente Héctor Silveiro, presentaron o volume editado pola RAG Cartas e composiciois autógrafas de Antonio Fernández Morales a Mariano Cubí. Transcrición dun legado inaugural berciano do Rexurdimento. Esta xornada cultural, que, segundo palabras dos participantes, supuxo un día histórico para o galego do Bierzo, rematou cunha sesión de contos a cargo de Quico Cadaval e cun magosto popular ao son da gaita.
Novas datas do programa Toponimízate
O programa de divulgación Toponimízate continuará nas seguinte semana en Muxía (o 4 de decembro na biblioteca municipal ás 10:30 horas), Noia (5 de decembro, Casa da Cultura, 19 horas), Folgoso do Courel (16 de decembro, CPI Uxío Novoneyra, 14:30 horas), Cerdedo Cotobade (17 de decembro, Sala de usos múltiples do IES de Cotobade, 15:45 horas), Pazos de Borbén (19 de decembro, auditorio do Concello, 12:30 horas) e Vilalba (27 de decembro, Casa da Cultura, 20:00 horas).