Toponimízate volve á comarca de Ordes, esta vez con parada en Tordoia

O concello coruñés de Tordoia acolle esta semana a charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, xusto antes dun descanso estival da campaña ata o 30 de agosto, data en que chegará ás terras luguesas do concello de Abadín. A cita coa veciñanza tordoiesa será este xoves 4 de xullo na Casa da Cultura (rúa do Dolmen, Pontepedra, Tordoia) a partir das 20:00 horas. O programa de divulgación e formación co que a Real Academia Galega e Secretaría Xeral da Lingua percorre Galicia xa estivera no ano 2019 no concello de Ordes e agora volve ás terras desta comarca coa intención de concienciar a poboación do valor cultural da súa toponimia menor, así como do risco que corre de perderse, e procurar persoas que colaboren na súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

A necesidade desta charla en Tordoia vén motivada porque é un dos concellos que menos achegas recibiu desde o lanzamento da plataforma Galicia Nomeada en 2019: desde aquela, só hai rexistrados 22 novos topónimos no seu termo municipal,  achegados por 5 persoas colaboradoras. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Tordoia non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento á toda a poboación interesada no noso patrimonio cultural para para que acudan á cita deste xoves e coñezan como poden participar neste proxecto cultural achegando os nomes das terras da súa aldea.

Con esta finalidade, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada,  centrará os contidos do seu relatorio en explicarlles aos asistentes o funcionamento da plataforma colaborativa na que están implicados milleiros de persoas por todo o país e que xa levan achegado máis de 79.000 microtopónimos (nomes de leiras, montes, fontes, penedos, regueiros...) por toda Galicia.

Ademais desta formación práctica, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo tamén falará da orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Tordoia, unha sección que estará baseada no libro titulado Toponimia de Tordoia, da autoría de Luz Méndez e Lidia Gómez, obra que foi publicada pola Real Academia Galega na colección Terra Nomeada. Precisamente, Lidia Gómez, cuxas raíces familiares están neste concello, será a protagonista do vídeo explicativo sobre a etimoloxía do topónimo Tordoia nunha nova entrega da serie O Seminario de Onomástica responde, que verá a luz nas vindeiras datas. 

 

Galería de imaxes
Tipos