A TVG fala dos "Nomes da nosa terra"

Os nomes da nosa terra, o proxecto documental da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e do que xa demos boa conta nesta páxina, chegou á programación da Televisión de Galicia. Durante a fin de semana do 15 e 16 de maio, o público da canle autonómica puido gozar do ton ameno e da produción coidada das seis primeiras pezas audiovisuais con que se descobren moitos dos segredos que agochan os nomes de lugar da nosa terra.

A serie documental, conducida de xeito maxistral por Fran Cañotas e dirixida por Antón Moure, foi gravada nos últimos meses de 2021 en diferentes escenarios do país. En cada capítulo, veciños e veciñas de Barcia de Mera (parroquia de Covelo, Pontevedra), A Coruña, Arteixo, Oleiros, Marzoa (parroquia de Sigüeiro, A Coruña) ou o Monte Pindo sorpréndennos coas historias dos nomes das súas terras, rúas, praias, penedos...

Os nomes da nosa terra contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-22, e co asesoramento lingüístico de Vicente Feijoo, especialista en toponimia da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada.

Se non puideches velos na emisión destes días, os seis capítulos están agora dispoñibles a través da páxina web da Televisión de Galicia e tamén neste portal.
 

Tipos