Descubre as historias que agochan os micro-documentais “Os nomes da nosa terra”
Por que nun dos espazos máis singulares da Coruña hai un Cantón Grande e un Cantón Pequeno? Sabes por que Carregás é un espazo único no mundo? E que se agocha detrás doutro topónimo singular como As Viñas de Babilonia? Todas estas e moitas máis preguntas sobre algúns dos máis de 2 millóns de microtopónimos que cobren o noso territorio teñen resposta nesta primeira serie de 6 documentais titulados Os nomes da nosa terra.
Trátase dun proxecto da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), que está apoiado pola Xunta de Galicia ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo. Son 6 pezas audiovisuais, de 10 minutos de duración cada unha, gravadas nos últimos meses de 2021 e que contaron coa colaboración de veciños de cada un dos distintos escenarios do noso país, ademais de especialistas en lingua, pedagoxía e do ámbito audiovisual. Barcia de Mera (parroquia de Covelo, Pontevedra), A Coruña, Arteixo, Oleiros, Marzoa (parroquia de Sigüeiro, A Coruña) e o Monte Pindo son as 6 primeiras paradas, que seguro nos sorprenderán con toda a historia que agochan os nomes das súas terras, rúas, praias, penedos...
Esta nova serie de micro-documentais foi presentada este xoves, 27 de xaneiro, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, como representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, quen fixo fincapé na “excepcional riqueza toponímica de Galicia e no necesario que resultan este tipo de formatos audiovisuais para divulgala”. Ao mesmo tempo, “súmase aos obxectivos do Proxecto Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa que puxo en marcha a Xunta de Galicia mais a RAG para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega”.
Na presentación tamén interveu Antón Moure, o guionista e realizador destes pequenos documentais, deseñados nun ton ameno e divertido, pero ao mesmo tempo motivador e didáctico arredor dos nomes da nosa terra. O seu obxectivo fundamental con este enfoque era transmitir ao espectador o importante valor cultural da nosa toponimia tradicional e o interese pola orixe e os nomes mais as historias que hai detrás deste inmenso patrimonio inmaterial. Un formato pensado para chegar a moita xente a través das redes sociais, da televisión e para ser usado no mundo do ensino, finalidade primordial esta última para a presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Patricia Varela.
Este programa contou co asesoramento lingüístico de Vicente Feijoo, especialista en toponimia da RAG e coordinador técnico de Galicia Nomeada, quen na súa intervención destacou “a importancia deste tipo de formatos que chegan a un público tan amplo para darlle voz e visibilidade aos sabios da nosa cultura popular, aos nosos maiores, pero tamén á xente máis nova comprometida coa lingua e coa cultura, pois todos eles transmítennos ese sentimento tan necesario nestes tempos de identidade colectiva compartida e de continuidade”. Tamén incidiu en que “con estes documentais incentívase a participación do pobo galego na salvagarda dun patrimonio inmaterial que corre moito risco de desaparecer —non só a toponimia senón tamén a tradición oral asociada a ela (lendas, cantigas, refráns, ditos, etimoloxías populares...)— e ao mesmo tempo “estamos abrindo unha ventá ao mundo para dar a coñecer a pequena historia de cada aldea, unha historia que non está escrita nos libros, unha historia soamente vivida e falada”. Concluíu afirmando que “unha terra sen nomes é unha terra sen historia”.
Non puideron asistir a este acto dúas persoas fundamentais no proxecto, a presidenta da AS-PG, Patricia Varela, e o xornalista Fran Cañotas, o encargado de presentar e conducir estes 6 programas, labor que realiza maxistralmente nun ton divertido e amosando unha gran empatía coa xente que participa neles. En cada episodio viaxa a un punto concreto da nosa xeografía onde se reúne con persoas que teñen moito que contar sobre os nomes dos lugares da súa contorna.
Os 6 capítulos desta serie xa están actualmente dispoñibles na canle de youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén estarán dispoñibles nos próximos días neste portal de Toponimia, no espazo “Detrás do nome”.
Acompáñasnos nesta viaxe polos nomes da nosa terra?