Unha iniciativa pioneira do Concello de Padrón inclúe Galicia Nomeada no seu programa de voluntariado xuvenil

A Oficina Municipal de Voluntariado do Concello de Padrón, coordinada pola técnica de voluntariado e educadora social Pilar Lorenzo Campos, vai pór en marcha durante este verán unha iniciativa pioneira na que Galicia Nomeada xoga un papel central. Trátase do proxecto “O Voluntariado Xuvenil no Camiño de Santiago no 2024”, no que participan un total de 14 mozos e mozas, de idades comprendidas entre os 15 e os 21 anos. 

Entre as diferentes liñas de intervención do proxecto, neste verán porase en marcha a acción  “Rutas interxeracionais da memoria”, que se desenvolverá en diversos lugares do termo municipal e onde converxerán persoas de diferentes xeracións co voluntariado xuvenil.  O principal obxectivo destas rutas interxeracionais é investigar e conservar os microtopónimos existentes no territorio co fin de que non se perda unha parte importante e central do patrimonio cultural inmaterial do concello de Padrón. 

Para conseguir este obxectivo, a ferramenta tecnolóxica que se vai empregar será a aplicación Galicia Nomeada. Con ela, o voluntariado xuvenil contribuirá á recuperación e salvagarda dos microtopónimos recollidos nas rutas e achegados polas persoas maiores que os acompañen no percorrido. Unha vez aprendidas as historias que achegan os topónimos, os voluntarios e voluntarias tamén poderán informar e ilustrar aos peregrinos que van polo Camiño Portugués co significado dos nomes dos lugares de Padrón por onde pasan. 

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudiu este luns ao concello padronés para darlles unha formación a este grupo de voluntarios. O obradoiro, que foi totalmente práctico, tivo como principal obxectivo explicar como Galicia Nomeada pode integrarse na acción, utilizando para iso as aplicacións para dispositivos móbiles. Vicente Feijoo ensinou como se introduce un novo topónimo a través das apps, cales son as diferentes categorías de topónimos entre as que poden escoller, e como poden empregar o campo “Descrición” para incluír lendas e outras curiosidades que as persoas maiores poidan contarlle á rapazada sobre os nomes de lugar. Tamén lles ofreceu as etimoloxías dos nomes das parroquias e aldeas por onde pasa o Camiño de Santiago neste concello, que xa elaborara o ano pasado para a charla Toponimízate que tivo lugar no propio concello

Desde Galicia Nomeada agradecemos a Mariló Saco,  concelleira de Servizos Sociais, Educación e Ensino, Igualdade e Muller, Relacións Veciñais, Terceira Idade, Xuventude e Voluntariado, que contase con nós para incluírnos no seu proxecto de voluntariado xuvenil e, en especial, a Pilar Lorenzo Campos, técnica de voluntariado e educadora social do concello padronés, por esta iniciativa pioneira e ideada con tanto rigor. Estamos convencidos que terá grande éxito e oxalá sirva de referente para que se estenda por noutros concellos do país.

Galería de imaxes
Tipos