Padrón ponlle boa cara ao mal tempo acudindo á cita con Toponimízate
Padrón, un dos lugares máis singulares da nosa cultura, recibiu onte a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra nunha tarde de temporal que non convidaba a saír de casa. Mais, a xente que asistiu ao encontro fíxoo consciente de que a tarefa de recuperación da súa microtoponimia é urxente e complexa. A día de hoxe, os nomes das leiras, fontes, montes, regueiros, penedos... deste concello da comarca do Sar están practicamente sen recoller en todas as súas parroquias.
A campaña da Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística acudiu a este municipio na procura de novos colaboradores para o proxecto Galicia Nomeada, que xa reúne a máis de 3.300 persoas, entidades, centros de ensino e asociacións, que levan compilados máis de 68.000 microtopónimos. A charla impartida por Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, tivo lugar nun marco incomparable, a histórica Casa dos Capeláns de Iria, un edificio do século XVIII recentemente rehabilitado e que serviu de punto de reunión de ducias de persoas unidas por unha arela común, o seu interese na nosa toponimia tradicional.
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Formación, Política lingüística e Participación Cidadá do concello de Padrón, Laura Horta Ignacio, exerceu de mestra de cerimonias para presentar o relator do Seminario de Onomástica da RAG, destacando a importancia que ten para o equipo de goberno do que forma parte participar neste tipo de proxectos culturais que vencellan algo tan tradicional como é a toponimia coas novas tecnoloxías. Esta tamén estivo acompañada por Ana Belén Castro García, concelleira de Medio Ambiente, Vías e obras.
O evento foi seguido con grande interese por parte do público, especialmente nas explicacións referentes a Galicia Nomeada e todo o relacionado á colaboración coa plataforma: o proceso de darse de alta, as diferentes funcionalidades que inclúe, o proceso de inclusión dun topónimo ou os campos que se deben cubrir. Entre os asistentes había persoas moi relacionadas coa cultura do noso país como Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e recentemente elixido académico numerario da RAG; Fernando Cabeza Quiles, profesor xubilado especialista en Toponimia con moitas publicacións dedicadas a esta materia ás súas costas; ou mesmo Xoán Antón Santaló Ríos, profesor do IES Camilo José Cela desta mesma localidade, que leva anos traballando na toponimia coa seu alumnado e que agora participará activamente en introducir o resultado dese traballo na plataforma Galicia Nomeada.
Non obstante, a parte dedicada á explicación das etimoloxías das parroquias e lugares padroneses foi tamén seguida moi atentamente. Este punto do relatorio serviu para desterrar falsas interpretacións de topónimos como é o caso de Herbón, que pola súa aparencia poderíase interpretar como un aumentativo da palabra común herba. Pero as atestacións medievais deste topónimo, Orvon, en 1158, ou Oruom, 1375, levaron a Edelmiro Bascuas a incluílo dentro dos derivados da raíz hidronímica prerromana Orb- / Orv- procedente do tema *Or-w / *Ur-w ‘apresurado, rápido’, á súa vez derivado da raíz indoeuropea *ER- ‘moverse’. Daquela estamos ante un topónimo prerromano moi antigo. Outro exemplo de non ser o que parece témolo no topónimo A Matanza, onde Rosalía de Castro pasaría os seus últimos anos.
A vindeira semana, 2 citas con Toponimízate
Dúas novas localidades recibirán a visita da campaña Toponimízate na vindeira semana. Trátase do concello ourensán de Amoeiro, o xoves 9 de novembro na Casa da Cultura a partir das 18:00 h; e A Proba do Brollón, o venres 10 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:30 h.