Zas pechou a campaña Toponimízate 2022

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou á súa fin neste ano 2022 coa charla no Concello de Zas.

Para esta última cita contamos con catro convidados de excepción. O primeiro, o profesorado e a rapazada do IES Maximiliano Romero de Baio, que se sumarán como centro ao proxecto Galicia Nomeada para convertérense nos novos gardiáns da toponimia do seu concello, Zas. Agradecemos especialmente a colaboración e interese amosado no proxecto por parte da súa directora, Ana Facal, a vicedirectora, Hortensia Román, e polo xefe de estudos, Pablo Balsas. O segundo, Manuel Muíño, alcalde de Zas e presentador da charla, quen resaltou a importancia dun proxecto cultural coma esta no que se involucren toda a súa veciñanza para coñecer máis polo miúdo a historia das súas aldeas. O terceiro, Xosé María Lema, escritor e historiador con moitos traballos de investigación publicados sobre a Terra de Soneira, entre eles, un libro que sairá proximamente sobre a toponimia de Zas na colección Terra Nomeada da Real Academia Galega. O cuarto, os membros da Asociación veciñal A Fonte de Fornelos, os pioneiros neste concello de Zas en salvagardar arredor de 200 microtopónimos a través da aplicación Galicia Nomeada no territorio da aldea de Fornelos, parroquia de Baio.

Ao igual que o resto de charlas Toponimizate 2022, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica, foi o encargado de transmitirlles aos asistentes a súa paixón polos nosos nomes tradicionais para convidalos a se sumar ao proxecto de salvagarda e difusión da nosa microtoponimia iniciado pola Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ensinoulles aos rapaces e rapazas de Zas como se usa a aplicación Galicia Nomeada para que introduzan os nomes e as lendas asociadas a eles que lles digan os seus pais, avós e veciños. 

Na parte final de charla, onde se fala da orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello onde se realiza a charla Toponimízate, nesta ocasión, Vicente Feijoo, tivo a inestimable axuda de Xosé María Lema Suárez, quen fixo unha investigación pormenorizada de todos eles. Tal foi o interese dos asistentes ao acto que, unha vez que a rapazada tivo que marchar por mor do seu desprazamento en autobús, o evento aínda durou unha hora máis para saciar a curiosidade das persoas que querían saber de onde viñan os nomes dos lugares habitados do seu concello.

Rocío Romar Roel, membro da Asociación Veciñal A Fonte de Fornelos e entusiasta da toponimia como profesora de Historia e Xeografía que é, quixo agradecer en nome de todas as persoas que forman a agrupación a axuda prestada e o entusiasmo posto por Vicente Feijoo para que conseguisen facer realidade o proxecto veciñal de recuperación da súa microtoponimia tradicional. Todas as persoas que forman parte desta asociación son un exemplo de compromiso coa terra que os viu nacer, coa súa historia, coa lingua e coa cultura; por iso, esperamos que a súa iniciativa se estenda a outras asociacións da contorna, pois aínda queda moito traballo por facer no concello de Zas e na Terra de Soneira.

As cifras da campaña Toponimízate 2022

A Campaña Toponimízate visitou este ano 17 concellos do país (Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Oleiros, Allariz, Ponteareas, Forcarei, Guntín, O Incio e Zas), sumando, deste xeito, máis de 70 municipios galegos desde que se puxo en marcha a iniciativa da Real Academia Galega. 

Foron centos as persoas que asistiron ás charlas impartidas por Vicente Feijoo, especialmente en Ortigueira, cun Teatro da Beneficencia cheo; ou Oleiros, onde o auditorio da Fábrica serviu tamén para presentar o proxecto que o propio concello está a levar a cabo nos centros de maiores. 

Desde o momento en que se presentou a campaña ata hoxe, de xuño a novembro, foron máis de 400 as persoas que se deron de alta na plataforma Galicia Nomeada. As súas contribucións neste período, xunto ás persoas que xa estaban dadas de alta, suman case 9.000 novos topónimos recuperados e dispoñibles para consulta pública. Un caso que merece remarcarse foi o concello de Laza, onde en só dúas semanas despois de se levar a cabo o encontro, pasouse de 61 nomes de lugar rexistrados a 508.

Galería de imaxes
Tipos