O volcán Cabeza de Vaca e os seus homónimos galegos: zootopónimos ou antrotopónimos?

Un incremento progresivo da actividade sísmica na illa de La Palma desde comezos de setembro de 2021 acabou por desembocar o pasado 19 na erupción dun volcán na zona de Cumbre Vieja, nome que xa é tristemente coñecido por todos nós ao ser o máis empregado nos medios de comunicación para se referiren ao propio volcán. Porén, na nota informativa en que o Instituto Xeográfico Nacional comunica o inicio do fenómeno aparece outro topónimo que precisa o punto exacto da erupción: a zona de Cabeza de Vaca no municipio de El Paso.

Cabeza de Vaca non é un topónimo exclusivo das Illas Canarias -tamén o atopamos en El Hierro-; senón que en Galicia rexistrámolo en varios concellos. O Nomenclátor de Galicia recólleo como nome dunha entidade de poboación na parroquia de Narla, concello de Friol, e como nome doutro lugar compartido entre os concellos de Ourense e Barbadás, ademais dunha aldea deshabitada no concello das Pontes de García Rodríguez, pero esta vez con artigo, A Cabeza da Vaca. Hai tamén varios Cabeça de Vaca en Portugal e no Brasil, e un Cabeza la Vaca en Badajoz.

Dado que non son infrecuentes os topónimos que dan conta dun lugar que se caracteriza por ter unha forma de animal, unha primeira e evidente lectura é clasificar Cabeza de Vaca como un zootopónimo, ben pola forma do terreo, dun elemento na paisaxe ou ben por haber no lugar unha caveira deste animal doméstico. Lugares cunha motivación semellante poderían ser A Cabeza de Boi (Meis) ou Cabeza de Lobo (Ardemil, Ordes). 

Nicandro Ares ten dúbidas respecto desta interpretación zootoponímica e apunta noutra dirección: pregúntase se se trata dun “alcume persoal do fundador desta aldea”. Segundo esta hipótese, a alcuña derivada das características físicas dunha persoa acabaría por se converter tamén en apelido familiar. E do apelido dos primeiros moradores dun territorio, aparecía o topónimo: o lugar de Cabeza de Vaca.

Malia que este apelido non se rexistra na actualidade en Galicia segundo o IGE, si aparece documentado en varios textos dos séculos XIV e XV: “Pedro Fernandez Cabeça de Vaca” (Oseira, 1333), "Pedro Fernandes Cabeça de Vaca" (San Clodio do Ribeiro, 1417), Ysabel Cabeça de Vaca, (1484), En España, hai arredor de 1.300 persoas que teñen “Cabeza de Vaca” como primeiro ou segundo apelido. Na provincia andaluza de Cádiz é onde se rexistran máis portadores. Nesta terra foi famoso o descubridor Álvar Núñez Cabeza de Vaca, nado en Jerez de la Frontera entre 1488 e 1490 e finado en Sevilla entre 1557 e 1558. O propio Álvar, na súa segunda viaxe a América de 1540, estivo 25 días na illa de La Palma, onde tamén está documentada unha ampla xenealoxía dos Cabeza de Vaca, como podemos ver nun estudo de María de los Ángeles Primo y Medina.

Todo semella indicar, pois, que o Cabeza de Vaca canario procede dunha liñaxe familiar. E os galegos, serán antropónimos ou zootopónimos? Como di Laura Ferro a respecto do Cabeza de Vaca de Friol, “pódense facer moitas interpretacións (...) pero non se sabe cal é a acertada".

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…