Un novo volume da colección Terra Nomeada acaba de ver a luz. Escrito a catro mans por Luz Méndez e Lidia Gómez Martínez, Toponimia de Tordoia é unha adaptación do Traballo de Fin de Grao (TFG) desta última, dirixido por Ana I. Boullón Agrelo e presentado no ano 2018 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
Coma o resto de pezas desta colección da Real Academia Galega e da Asociación Galega de Onomástica, a obra recolle a orixe dos nomes das parroquias e entidades de poboación, neste caso, do concello coruñés de Tordoia, tanto daqueles que forman parte do Nomenclátor de Galicia coma outros que ou ben desapareceron ou ben van ser incluídos na nova revisión do Nomenclátor.
Dous destes lugares son Santiavedra e Santaia. O primeiro pertencente á freguesía de Bardaos e o segundo a Santaia de Gorgullos. Tal é grao de relación entre os dous topónimos que Santiavedra inclúe unha variante de Santaia ao estar composto por Santia-, unha alteración de Santaia, mais un segundo elemento -vedra (< lat. VETERA ‘antiga, vella’), adxectivo modificador do primeiro.
Santaia é, á súa vez, un derivado do latín SANCTA EULALIA, unha santa cristiá que sufriu martirio a comezos do século IV na actual Mérida. O seu culto estendeuse rapidamente por toda Hispania e implantouse con forza en Galicia: é unha das santas que conta cun maior número de advocacións parroquiais no noso país, con máis de 130.
Agora ben, non todas estas advocacións parroquiais teñen a mesma forma, pois foron múltiplas as variantes que a forma latina SANTA EULALIA deu en galego. A Santaia de Tordoia é só unha delas, rexistrada en 14 parroquias, todas na provincia da Coruña (dúas en Abegondo e Santiso, ademais de Arteixo, Boqueixón, Curtis, Oza-Cesuras, Frades, Irixoa, Oleiros, Ordes e O Pino).
A forma máis culta e latinizante, Santa Eulalia, rexístrase en 24 freguesías; Santalla conta con 38; Santa Oalla e Santaballa, cunha única parroquia cada unha delas; mais Santa Baia é a que presenta un número maior de ocorrencias, ata 59.
Na imaxe inferior podes ver a distribución en Galicia das diferentes variantes que deixou SANCTA EULALIA na toponimia galega e, nesta ligazón, a obra de Luz Méndez e Lidia Gómez Martínez, Toponimia de Tordoia.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…