Salceda de Caselas recibirá esta semana a campaña Toponimízate

A campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa a súa xira polo país esta semana cunha nova charla no concello de Salceda de Caselas. A cita para saber como participar na salvagarda da toponimia deste concello pontevedrés e que información cultural agochan os seus nomes de lugar será o venres 13 na Casa da Cultura Castelao a partir das 20:00 horas.

O acto será presentado pola alcaldesa do municipio María Dolores Castiñeira Alén e polo concelleiro de cultura e normalización lingüística Alejandro Rodríguez Canosa, que acompañarán o relator Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia. 

O principal obxectivo da charla será involucrar novos colaboradores que se sumen á tarefa xa iniciada neste concello por persoas como Helena Pousa, profesora xubilada de ensino secundario, gran coñecedora da lingua e da cultura do Baixo Miño e tamén unha das maiores colaboradoras do proxecto Galicia Nomeada. Helena xa leva introducidos na plataforma Galicia Nomeada máis de 1.200 topónimos, feito que a coloca no podium das 10 persoas colaboradoras que máis achegas levan feito desde a posta en marcha do proxecto colaborativo. Parte das achegas de Helena Pousa, uns 550 topónimos, está localizada nas parroquias de Soutelo e de Entenza, ambas as dúas do Concello de Salceda de Caselas. Precisamente, sobre esta última parroquia salcedense, Helena Pousa presentou en febreiro deste ano o traballo  Toponimia e cartografía da parroquia de Entenza unha investigación que durante anos levou a cabo en colaboración co seu fillo Amaro G. Pousa, acto en que tamén estiveron acompañados por Vicente Feijoo.

O funcionamento da plataforma Galicia Nomeada será, por tanto, un dos principais temas que se abordará nesta charla co fin de facilitarlles a colaboración ás persoas que decidan sumarse ao proxecto para recoller os microtopónimos (nomes de leiras, fontes, regueiros, penedos, camiños...) do resto das parroquias deste municipio. Daquela, Vicente Feijoo ensinaralles  aos asistentes as funcións básicas da aplicación: como darse de alta, como engadir novos topónimos; como anexar imaxes ou arquivos de audio na ficha dun topónimo; como facer suxestións sobre nomes mal rexistrados ou mal situados; etc. 

As persoas que asistan á Casa da Cultura Castelao salcedense tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Neste bloque final da charla, descubrirán curiosidades sobre a toponimia local como o feito de que o topónimo Donelle, pronunciado na contorna como Donello, posiblemente proceda de DONNELLUS ou DONNELIUS, forma diminutiva do latín  DOMINUS, que dá no galego común a palabra dono e mesmo don. Esta parte da charla conta co apoio na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
 

Galería de imaxes
Tipos