Xosé María Lema presentou en Carballo o informe sobre a grafía do topónimo Verdillo/Berdillo
O pasado xoves 12 de setembro, o académico correspondente da Real Academia Galega Xosé María Lema Suárez achegouse ás interesantes Xornadas de microtoponimia do Concello de Carballo para explicar, dun xeito moi didáctico e ilustrativo, as razóns que levaron ao Seminario de Onomástica da RAG a propor o cambio na grafía da parroquia carballesa de Berdillo, que na próxima edición do Nomenclátor oficial de entidades de poboación de Galicia figurará como Verdillo, con V.
O salón de actos do Centro Social de Verdillo quedou pequeno para acoller os asistentes ao relatorio de Xosé María Lema, dada a expectación que causa o tema entre os habitantes da parroquia. Veni Serrano, secretario do consello parroquial de Verdillo, deixou constancia da importancia do informe e sentenciou: “Hoxe é un día histórico”.
Entre as persoas asistentes figuraban a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde do concello, Evencio Ferrero. Precisamente foi o alcalde carballés quen en 2018 lle solicitou ao Seminario de Onomástica da RAG a redacción dun informe que achegase luz sobre cales foran os motivos da escolla da grafía B dado que “unha parte moi importante da veciñanza quería que se denominase Verdillo, con V”.
No informe, do que xa demos conta nesta páxina expoñíase que un dos criterios que seguiu a Comisión de Toponimia para fixar os topónimos do Nomenclátor de Galicia do ano 2003 foi a congruencia coas grafías históricas e etimolóxicas do galego común. Agora ben, se a etimoloxía resultaba escura, dubidosa ou controvertida, como era o caso de Berdillo, optouse, en xeral, pola grafía habitual ou consolidada na tradición escrita dos últimos séculos. No caso do topónimo que nos ocupa, a grafía habitual nos nomenclátores dos séculos XIX e XX era con B inicial, por iso quedara oficializada no Nomenclátor vixente como Berdillo.
Tras a solicitude do alcalde de Carballo, os membros do Seminario de Onomástica da RAG decidiron facer unha investigación moito máis exhaustiva sobre a grafía histórica. Baseándose nos resultados deste estudo documental desde a Idade Media ata o século XX, o seminario decantouse a favor da forma Verdillo tendo en conta principalmente “as atestacións máis antigas –do século XV, cando seguramente aínda o b e o v tiñan pronuncia distinta– e tamén o uso maioritario do V- inicial na documentación dos séculos seguintes ata a actualidade”.
Como complemento á charla de Xosé María Lema, o Concello de Carballo decidiu editar o informe e difundilo entre a veciñanza. As persoas interesadas en ter un exemplar poden solicitalo nas bibliotecas municipais carballesas ou descargalo nesta ligazón.