Galicia Nomeada participará nas Xornadas de microtoponimia organizadas polo Concello de Carballo
Nacido no ano 2014 como un catálogo fotográfico, Carballo na memoria acabou por se converter nun proxecto modelo de recuperación da memoria carballesa en diferentes planos: audiovisual, literario, etnográfico, social... e agora tamén toponímico grazas ás interesantes Xornadas de microtoponimia que se van desenvolver neste mes de setembro na vila carballesa.
Organizadas pola Concellaría de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, baixo a dirección da concelleira Ángeles Pacoret, e coordinadas por Cristina Abelleira, responsable de comunicación do concello carballés, as Xornadas de microtoponimia desenvolveranse en diferentes puntos de Carballo cun amplo e interesante programa.
As xornadas comezarán o 5 de setembro ás 19:00 h nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, un centro recentemente reformado e que recupera o topónimo polo que eran coñecidas as terras en que se asenta. A concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, serán os encargados da inauguración. Tras eles, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, ofrecerá o relatorio inaugural, centrado na plataforma colaborativa de recolla toponímica. A continuación intervirá Xan Fraga Rodríguez, historiador, docente e escritor, que fará un percorrido pola evolución da microtoponimia carballesa.
O xoves 12 de setembro o ciclo de relatorios trasladarase ao Centro Social de Verdillo. Ás 19.00 horas, Xosé María Lema Suárez, membro correspondente da RAG e do Seminario de Onomástica, presentará o resultado do traballo de investigación que o propio Seminario levou a cabo para ditaminar a forma correcta do nome desta parroquia. O acto será presentado por Belén Mato, presidenta da Asociación Cultural Arume, e Veni Serrano, secretario do Consello Parroquial de Verdillo. Tras o relatorio de Xosé María Lema, haberá unha actuación da Escola de Regueifa de Carballo.
O xoves 19, tamén ás 19.00 horas, Fernando Cabeza Quiles guiará polo centro urbano de Carballo un roteiro sobre a microtoponimia carballesa, que comezará no lugar da Casilla.
Por último, esta primeira edición das Xornadas de microtoponimia rematará o xoves 26 de setembro cunha mesa redonda na que se falará da importancia da microtoponimia no futuro dos pobos. Moderada por Antón Moure, produtor da serie de micropezas documentais Os nomes da nosa terra, contará coa presenza de Rocío Romar, profesora do IES Urbano Lugrís e activa colaboradora na salvagarda da microtoponimia de Zas e Malpica; acompañados por Fernando Cabeza Quiles. Após a mesa redonda, que será nas Escolas do Xardín da Agra de Caldas, presentaranse as primeiras pezas dunha serie audiovisual sobre microtoponimia carballesa e a actuación das cantareiras de Arume de Verdillo, que interpretarán varias cantigas con referencias a topónimos locais.
Desde Galicia Nomeada agradecemos o convite de Cristina Abelleira para participar nestas máis que interesantes Xornadas de microtoponimia e convidamos a participar nelas a todas as persoas interesadas na nosa cultura popular, na nosa tradición oral e no patrimonio cultural. O concello de Carballo ten practicamente toda a súa microtoponimia sen rexistrar na plataforma Galicia Nomeada, de maneira que estas xornadas poden ser o xermolo dunha exhaustiva e produtiva recolleita de nomes por parte da veciñanza carballesa.