As razóns do cambio de grafía no topónimo Verdillo

Hai uns meses, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, solicitou un informe ao Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para aclarar as razóns polo que se oficializou o topónimo Berdillo, con B. Segundo expuña o rexedor no seu escrito, “unha parte moi importante da veciñanza quere que se denomine Verdillo, con V”, polo que agradecía que o Seminario deitase algo de luz sobre cales foran os motivos da escolla da grafía B no topónimo que se oficializou no ano 2003 para a publicación do Nomenclátor de Galicia.

Un dos criterios que seguiu a Comisión de Toponimia para a fixación dos topónimos do Nomenclátor de Galicia foi a congruencia coas grafías históricas e etimolóxicas do galego común. Porén, se a etimoloxía resultaba escura, dubidosa ou controvertida, como era o caso de Berdillo, optouse, en xeral, pola grafía habitual na tradición escrita ou a máis arraigada no uso actual. Tendo en conta isto, a Comisión de Toponimia elixiu en 2003 manter o B- inicial do topónimo Berdillo, pois así era como aparecía escrito nos nomenclátores precedentes dos séculos XIX e XX. Ademais, argumentaban naquel momento que “esta grafía non condiciona ningunha hipótese etimolóxica, como si o faría o V- inicial que parece querer emparentar o topónimo coa voz común verde, sen ningunha proba dunha posible relación entre as dúas palabras”.

Aínda así, trala petición do alcalde de Carballo, os membros do Seminario de Onomástica da RAG decidiron facer unha investigación máis profunda sobre a grafía histórica, malia seren conscientes da opacidade do étimo que se agocha detrás da forma actual. As súas pescudas acabaron formando parte dun informe onde se analizan textos notariais medievais, libros pertencentes ao arquivo da parroquia, cartografía histórica e outros documentos, como os xa citados nomenclátores oficiais dos últimos séculos.

De entre todos eles cobrou especial relevancia a documentación que se atopou no libro de Manuel Lucas Álvarez, San Paio de Antealtares, Soandres y Toques: tres monasterios medievales gallegos, publicado en 2001. Neste libro, a documentación que interesa para esta parroquia é a correspondente ao mosteiro de Soandres, do que dependía a freguesía de San Lourenzo de Verdillo. Tras repasar as atestacións escritas neste textos, constatouse que os escribas do mosteiro de Soandres se decantaron polo uso do V dun xeito claro: das oito concorrencias atopadas do topónimo, en seis ocasións aparece grafado con V-. Este feito levou a supor que as persoas que redactaron os textos tiveron ocasión de ver en documentos anteriores o topónimo en latín e que aí debía aparecer con U-/V-.

Nos séculos seguintes houbo vacilacións entre B e V -sobre todo no XVI e no XVII-, dependendo moito dos cregos ou dos escribáns que redactaban. Así e todo, a escolla polo V empezou a ser maioritaria no séc. XVIII, tanto nos libros parroquiais coma na cartografía e documentos civís máis ou menos oficiais. No XIX virouse un pouco -no mundo eclesiástico e nos nomenclátores oficiais da segunda metade- a favor do B. Desde o último terzo do XIX, durante todo o XX e o que levamos do XXI, a única forma rexistrada nos libros parroquiais foi Verdillo (136 anos seguidos), malia que nos nomenclátores oficiais das dúas centurias se escribise con B.

A maior parte dos habitantes da parroquia levan anos facendo caso omiso dos nomenclátores oficiais e escriben decote Verdillo, pois así aparece no nome de asociacións deportivas e culturais ou nos letreiros das estradas. É posible que a xente -quizais desde séculos atrás- asociase Verdillo á cor verde ou que se atopase unha estreita familiaridade co lugar de Verdes, do que dista menos de 10 km. Quizais acabaron asociando os dous topónimos para atribuírlles unha mesma orixe e, por tanto, a mesma escrita.

Por estes e por outros motivos, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega optou por propoñer a forma Verdillo, coa grafía V, para a próxima edición do Nomenclátor de Galicia, obra que contén os nomes oficiais dos concellos, 
 

Tipos