Galicia contará cun novo Nomenclátor
Xa é oficial: Galicia contará cun novo Nomenclátor nos próximos meses. A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia aprobou na sesión do venres 18 de xullo de 2025 a proposta de revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de Galicia que elaboraron os especialistas en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Tras este primeiro paso, proximamente deberase aprobar no Consello da Xunta de Galicia e despois publicarse nun decreto no DOG.
O novo Nomenclátor de Galicia foi defendido polo coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina, e polo coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, Vicente Feijoo, na xuntanza da Comisión de Toponimia. Antes da reunión, o presidente da RAG, Henrique Monteagudo, compareceu ante os medios de comunicación xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, para informar das principais modificacións nesta listaxe de topónimos oficiais dos concellos, parroquias e entidades de poboación de Galicia.
O novo Nomenclátor, en cifras
A nova versión do Nomenclátor de Galicia queda composta por un total de 42.909 entidades de poboación entre concellos, 313; parroquias, 3.788; e aldeas, 38.808. No que respecta ás entidades de poboación, hai 1.503 máis que no Nomenclátor anterior; pero temos unha parroquia menos e tamén dous concellos, resultado das fusións Cercedo Cotobade e Oza Cesuras.
Algunhas incorporacións corresponden a novas entidades de poboación: algunhas xa estaban engadidas no Nomenclátor de poboación do INE e outras sóubose delas grazas á información facilitada polos Concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada, o proxecto da RAG e da Xunta para a salvagarda da microtoponimia galega e de toda a tradición oral vencellada a ela.
A revisión do Nomenclátor 2003
Este novo nomenclátor tamén inclúe unha importante e exhaustiva revisión que realizou o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega da listaxe vixente desde o ano 2003. Esta verificación realizouse en dous planos: incidencias de tipo lingüístico e incidencias de tipo xeográfico-administrativo.
No que respecta á primeira das revisións, o Seminario de Onomástica detectou 4.951 incidencias de carácter lingüístico a respecto de 4.398 topónimos investigados e ditaminados. Estas incidencias clasificáronse en seis grupos xerais (morfosintácticos, léxicos, gráficos, fonéticos, compostos e advocacións de parroquias), como se pode ver na gráfica seguinte. A maior porcentaxe de problemas que presentaba o NG 2003 responde á ausencia de artigo no nome que figuraba como nome oficializado.
Destes 4.398 topónimos que presentaban algún tipo de problema lingüístico, o Seminario de Onomástica emitiu un novo ditame en 2.624 casos e en 1.774 mantívose o mesmo ditame que en 2003.
A gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias. Así, hai 2.335 entidades ou asentamentos de poboación en que se modificou o nome oficial; e 182 freguesías galegas cambiaron a súa denominación: ben no seu nome (95), ben na advocación (70) ou ben nos dous elementos (17). Dalgunha delas, como a mudanza da parroquia carballesa de Verdillo, xa demos conta nesta mesma páxina.
Hai cambios tamén que atinxen a nomes de concellos: así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós; o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, algo que tamén acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín; Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo; e A Cañiza será agora A Caniza, mudanza que xa explicou o académico Gonzalo Navaza nun dos vídeos da serie O Seminario de Onomástica responde.
Revisión dos problemas xeográfico-administrativos
Nesta revisión do Nomenclátor de Galicia detectáronse ademais 16.752 incidencias de carácter xeográfico-administrativo que afectaban a 13.788 topónimos, unha cifra que semella moi alta pero que non o é tanto se se ten en conta que o 64 % das incidencias corresponde a discordancias co NomenINE 2012. Por exemplo, existen 8.817 topónimos que non figuran neste Nomenclátor, e neste caso, só se deixa constancia desta circunstancia, sen que sexa preciso o estudo e ditame do Seminario de Onomástica da RAG.
No gráfico que se insire a seguir, preséntanse as porcentaxes dos tres grandes grupos de incidencias detectadas no NG 2003.
Nesta revisión de problemas xeográficos-administrativos elimináronse arredor de 300 nomes, moitos deles tras se comprobar que en realidade non son entidades de poboación diferenciadas, senón nomes de terras, rúas...
O Nomenclátor de Galicia: unha obra en constante renovación
A revisión do Nomenclátor de Galicia é un traballo aberto, inacabado, pois tense constancia dun bo número de lugares das provincias de Ourense e Pontevedra que aínda non figuran no Nomenclátor e están pendentes de estudo. Por outra banda, as case 4.000 persoas colaboradoras do proxecto Galicia Nomeada achegan decote novas incidencias sobre os topónimos oficiais ou informan da existencia de lugares non recollidos.
O obxectivo do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega é ofrecer cada ano, ou cada dous anos, unha nova versión do Nomenclátor de Galicia máis completa, corrixida e actualizada. A versión que agora se entrega en 2025 está un paso máis cerca da edición definitiva desta complexa e laboriosa obra.