Sabías que
Din en Sarria "Se vén o vento de Piñeira, arma a caldeira á goteira" cando o vento vén do sur.
Sabías que en Mazaricos aínda hoxe cantan "Vilariño está nun alto e Fontemourente na costa"?
Sabías que a parroquia de Donsión (Lalín) procede do latín DOMINUS SILONIUS e que existe documentación medieval suficiente para confirmar que fai referencia ao rei Don Silo?
Sabías que o topónimo A Casilla naceu en castelán na segunda metade do século XIX e era o nome que recibían as garitas dos legoeiros situadas a carón das estradas?
Sabías que os topónimos Catasol e Catasós repartidos por Galicia están compostos polas palabras latinas CAPTA ‘ver, mirar’ + SOLE (S) ‘sol’ e identifican lugares onde pega ben o sol?
Sabías que os lugares chamados A Baiuca teñen a súa orixe na existencia dunha taberna, probablemente fundada na segunda metade do século XVIII por xente chegada das colonias americanas?
Sabías que os topónimos A Borroa, A Cernadela, A Queimada, A Estibada, A Seara, A Cachada, A Rozada... fan referencia a antigos traballos de roza e queima do monte para facer novos terreos de labradío?
Sabías que "cando o monte Xiabre pon a capa e o monte Xesteiras pon o capelo, deberás volver a casa polo mantelo"?
Sabías que "mentres auga teña o río Miño, no Ribeiro non faltará viño"?
Sabías que en San Cristovo de Cea dise "se vas a Oseira, leva o pan na faldriqueira; se vas para Camba, lévao na manga; e se vas para o Deza, que non che esqueza"?