Betanzos, nova parada da campaña Toponimízate 2026

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continua esta semana a súa xira por terras coruñesas: o Salón azul do Edificio do Arquivo en Betanzos acollerá  este venres, 5 de xuño, a partir das 19:30 h unha nova charla á que están convidadas todas as persoas e entidades comprometidas coa salvagarda do noso patrimonio inmaterial e que queiran colaborar co proxecto Galicia Nomeada. 

A alcaldesa betanceira, María Barral, será a encargada de presentar o relatorio; xunta a ela tamén estará Ana Veiga, concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Honras e Distincións e Turismo. Foi a técnica de normalización deste municipio, Natalia Sánchez, quen contactou coa Real Academia Galega co fin de levar esta campaña de divulgación do valor cultural da nosa toponimia a Betanzos.

Betanzos é un concello ben singular pola súa mestura entre rural e urbano. Tamén o é no relativo á toponimia, pois o crecemento urbanístico de zonas rurais vai facendo que os topónimos tradicionais caian no esquecemento. Hai anos, fixérase unha primeira recolleita da súa microtoponimia  a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), pero non de xeito exhaustivo en todo o seu territorio por falta de informantes que traballaran as terras e que souberan os nomes delas. Algunhas freguesías como Requián ou Piadela quedaron bastante incompletas. Por tanto, é necesaria agora unha segunda volta para rescatar máis nomes a través da colaboración cidadá e tamén para revisar e completar a información rexistrada nesa primeira xeira.  Ademais, desde a posta en marcha da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, neste concello só tivemos  21 achegas públicas procedentes de 6 persoas colaboradoras que se deron de alta no proxecto.

Urxe, por tanto, acadar novos informantes que se sumen ao proxecto Galicia Nomeada. Velaí o principal obxectivo con que acode Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, a unha das antigas sete cidades capitais do Reino de Galicia. A charla terá, por tanto, unha gran protagonista: a aplicación de recolla e colaboración cidadá coa que levamos recuperado  máis de 110.000 microtopónimos nestes últimos anos. De xeito práctico e ameno, as persoas asistentes coñecerán as principais funcionalidades da aplicación colaborativa Galicia Nomeada e aprenderán, xa que logo, a utilizar tanto a versión para navegadores web como a versión para dispositivos móbiles. Explicarase como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, e, especialmente, como enviar suxestións e completar a información da toponimia betanceira que xa existe na plataforma.

Tras esta formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará as principais mudanzas que implicou a aprobación da última revisión do Nomenclátor de Galicia 2026 neste concello: entre outras, engadíronse os lugares de Talai, Loureiros e A Veiga, que ata entón non estaban recollidos. Xa para rematar, explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Betanzos, algúns tan antigos como Tiobre ou Illobre, que os expertos consideran  de procedencia celta.

Baleira, última cita Toponimízate antes do descanso estival

Tras o seu paso polos concellos coruñeses de Valdoviño e Betanzos, a campaña Toponimízate cambia de provincia para pechar o mes de xuño: o vindeiro venres 26 de xuño Vicente Feijoo achegarase ao municipio lugués de Baleira. A cita comezará ás 19:00 e desenvolverase no Centro Sociocultural do Cádavo.
 

Tipos