A campaña Toponimízate continúa neste ano 2025 percorrendo Galicia co propósito de salvagardar o noso patrimonio toponímico
A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volverá visitar varios concellos do noso país neste 2025 para concienciar a poboación do valor cultural da nosa microtoponimia e promover a súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada. Doce novos concellos das catro provincias recibirán esta iniciativa na procura de persoas e entidades que se sumen aos case 4.000 colaboradores que están a participar actualmente na recolla de nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas... Grazas a eles, xa se recuperaron arredor de 90.000 microtopónimos desde a posta en marcha do proxecto colaborativo.
A iniciativa, coordinada pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, chega á súa oitava edición e presentouse esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela nunha rolda de prensa en que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a subdirectora xeral de Palanificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho; e mais o encargado de impartir as charlas, Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG.
O novo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, sinalou que a campaña Toponimízate ten como obxectivo sensibilizar a cidadanía sobre o inmenso valor da toponimia galega como patrimonio cultural e elemento específico da identidade galega e animala a colaborar na súa recolla, unha tarefa xigantesca que require a mobilización de todas as persoas que desexen facelo ao longo da xeografía galega. Neste sentido, salientou a magnífica resposta cidadá, entre todo tipo de públicos, que está facilitando a compilación de milleiros de topónimos. "Temos a intelixencia colectiva e mais a vontade colectiva", proseguiu, "para contribuírmos entre todos a un proxecto de interese tanto científico coma cultural e identitario. Os nomes son parte da relación, mesmo emocional, que temos como país coa terra, expresión desa intelixencia colectiva e depósito extraordinario de testemuños de séculos. A través deles, podemos reconstruír a historia ecolóxica ou de relación co territorio”, engadiu Henrique Monteagudo, quen salientou tamén a importancia de prestarlle igualmente atención á talasonimia, os nomes do mar.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, lembrou ademais a “utilidade” dos topónimos e talasónimos. “A cada con púñaselle un nome para que os mariñeiros se orientasen. Hoxe, coa tecnoloxía non se fai tan necesario ese coñecemento polo miúdo do mar, pero ese conxunto de nomes ten un enorme valor cultural que cómpre conservarmos”, expresou. Valentín García referiuse ademais ao carácter pioneiro de Galicia Nomeada, unha iniciativa que –asegurou– chamou a atención doutras comunidades autónomas interesadas en replicalas.
A subdirectora de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho, apuntou pola súa banda a importancia que se lle outorga dende o seu departamento a todos os proxectos relacionados coa toponimia, especialmente a unha campaña que percorre o país dándolle visibilidade a un patrimonio cultural que contribúe tamén á promoción da lingua.
Vicente Feijoo falou da necesidade desta iniciativa para sumar cada día máis persoas ao exército de colaboradores preocupados pola desaparición desta parte tan valiosa do noso patrimonio cultural inmaterial. Tamén destacou o éxito de participación nas charlas, con asistentes de todas as idades, o que demostra que é un tema que interesa a toda a sociedade. Nas 7 edicións executadas ata agora, levouse a mensaxe a 94 concellos galegos e asistiron ás charlas máis de 6.000 persoas.
Na súa intervención quixo salientar a parte máis emotiva desta experiencia porque os topónimos teñen para os galegos unha compoñente sentimental e identitaria moi forte, sobre todo para a xente maior, ao ver que os seus coñecementos sobre o territorio e a súa sabedoría popular son o piar fundamental dun proxecto cultural destas características. Para a persoa que imparte as charlas tamén é unha experiencia moi enriquecedora e gratificante.
Cada un dos relatorios está formado por diferentes partes, que foron comentadas por Vicente Feijoo: contan cunha introdución xeral que serve para que as persoas asistentes coñezan a riqueza toponímica que ten o noso país, un patrimonio que, pola contra, corre risco de perderse debido aos cambios de uso do territorio, o abandono dos modos de vida tradicionais e o despoboamento que vive Galicia nas últimas décadas. Tras esta presentación xeral, a continuación explicarase minuciosamente o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza e a tradición oral vencellada a eles. A seguir falarase das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral, desta información cultural, unha vez está xeorreferenciada e normativizada. Por último, cada obradoiro pecharase cunha parte en que se tentará deitar luz sobre a o orixe e significado dos nomes de parroquias e aldeas que forman parte de cada concello. Neste último apartado, o equipo técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega elaborou 1.772 etimoloxías, coa colaboración do académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo, Gonzalo Navaza.
Criterios de selección dos concellos onde se realizarán as charlas
Para a elección dos doce concellos que participan nesta edición tivéronse en conta varios criterios. Por un lado, cómpre salientar o interese que amosaron desde os propias corporacións municipais en colaboraren co proxecto Galicia Nomeada. Así, varios alcaldes ou concelleiros de municipios como A Estrada, Laxe, Mondariz Balneario e Sandiás contactaron coa Real Academia Galega ou coa Secretaría Xeral da Lingua co fin de organizar esta actividade formativa e colaborar no proxecto Galicia Nomeada.
Noutros concellos tívose en conta o estado en que se atopa o traballo de recolla da súa microtoponimia, xunto co forte despoboamento que están a sufrir, o que pon en risco a conservación deste patrimonio cultural: é o caso de Cervantes, Baralla, Melón, Baños de Molgas ou Dozón, territorios en que non se traballou na época que estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e nos que hai moi poucos colaboradores rexistrados na plataforma Galicia Nomeada.
Por último, noutros concellos, como poden ser Val do Dubra, Chantada ou Mondariz, que xa contan con parte do seu territorio recollido da época do PTG, decidiuse incluílos para completar a recolleita nas parroquias e lugares restantes sumando novos colaboradores ao proxecto Galicia Nomeada.
Datas e lugares de realización das 12 charlas da campaña Toponimízate 2025
As charlas Toponimízate 2025 comezarán neste mesmo mes de xuño e prologaranse ata novembro. As dúas primeiras citas terán lugar na provincia de Ourense: Toponimízate visitará Sandiás o venres 20 de xuño (Centro de Interpretación da Lagoa de Antela, a partir das 20:00 h) e Baños de Molgas o venres seguinte, 27 de xuño (a partir das 19:30 h no Centro de Saúde); Frades será o encargado de pechar a campaña antes do descanso estival cunha charla que terá lugar o luns 28 de xullo no Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira, a partir das 20:00 h.
O groso da campaña desenvolverase entre os meses de setembro, outubro e novembro, con outras nove citas que se realizarán deste xeito: Laxe, venres 12 de setembro, a partir das 19:00 h no Museo do Mar; Chantada, venres 19 de setembro, a partir das 20:00 h no Auditorio Municipal; Melón, venres 26 de setembro, a partir das 20:00 h na Casa do Concello; A Estrada, xoves, 2 de outubro, a partir das 19:00 h na Casa das Letras - Biblioteca municipal; Cervantes, luns 6 de outubro, a partir das 12:00 h no CPI de Cervantes; Mondariz e Mondariz Balneario, venres 17 de outubro, a partir das 19:30 h na Sala de Cultura da Casa do Concello de Mondariz Balneario; Dozón, venres 24 de outubro, a partir das 17:00 h no Centro sociocultural do Castro; Val do Dubra, xoves 6 de novembro, a partir das 20:30 h no Auditorio Municipal; Baralla, venres 14 de novembro, a partir das 19:00 h no Centro Sociocultural de Baralla.
Tras o remate da campaña, Toponimízate terá xa visitados 108 concellos, todos eles integrados na Rede de Dinamización Lingüística. En edicións anteriores desta campaña, ademais dos concellos que pertence á RDL, tamén se impartiron charlas na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); na Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; no Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas. Aínda que as máis especiais sen dúbida foron as impartidas en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Ortigueira e Mondego-Sada), pola papel fundamental que teñen neste proxecto os nosos maiores como portadores e transmisores desta herdanza cultural que representa a toponimia no noso país. Eles son a memoria viva dos nosos topónimos.