A Casa da Cultura de Amoeiro recibiu con entusiasmo o proxecto Galicia Nomeada

Toponimízate suma un novo concello á súa iniciativa: Amoeiro. A campaña coa que Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística están a percorrer  o noso país desde 2017 levou a este concello ourensán a mensaxe da importancia da nosa microtoponimia como patrimonio inmaterial  e do risco que corre de perderse. 

A cita tivo lugar este xoves 9 de novembro na Casa da Cultura de Amoeiro. Alí agardaba o rexedor municipal, José Luis González, que foi o encargado de presentar o acto e a Vicente Feijoo, o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG encargado de impartir estes relatorios. Na presentación, o alcalde falou da importancia desta iniciativa en concellos rurais como o seu onde cada vez hai máis despoboamento e máis territorio sen cultivar, comprometéndose a participar xunto cos seus veciños presentes no acto no proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Vicente e José Luis tamén estiveron acompañados polo tenente alcalde da anterior corporación, Adolfo González Novoa, un entusiasta deste tema da toponimia e da historia do seu concello.

Vicente Feijoo acudiu a Amoeiro co obxectivo fundamental de buscar novos colaboradores que se sumen á tarefa xa iniciada por José Antonio Vázquez Novoa, quen nas últimas semanas recuperou arredor de 150 microtopónimos deste concello ourensán, todos eles na parroquia de Bóveda de Amoeiro. Quedan, pois, por iniciarse os traballos nas outras sete parroquias, unha tarefa realmente urxente.

E nada mellor que Galicia Nomeada e as súas aplicacións para teléfonos móbiles para afrontar este labor. A plataforma é desde o seu lanzamento hai case 4 anos o espazo de referencia para a toponimia galega. Vicente Feijoo aproveitou o relatorio para explicar as principais funcionalidades e todo o que unha persoa pode realizar con ela logo de solicitar unha conta de usuario: inclusión de novos topónimos con imaxes, textos e documentos como ficheiros anexos, a corrección dos xa existentes e mesmo axudar a completar o Nomenclátor oficial de entidades de poboación, unha obra en constante actualización. Neste senso, os asistentes informaron de que hai unha aldea oficializada como Monte Asnal na parroquia de Trasalba que para eles sempre foi, tanto na escrita como na oralidade, O Monte Arnal

Entre as persoas que se deron cita o pasado xoves 9 de novembro na Casa da Cultura de Amoeiro había algúns profesores e persoas amantes da historia, da arqueoloxía, das tradicións... en definitiva, amantes da súa terra. Como por exemplo Eduardo González, que desde ben pequeniño foi apuntando nunha libreta todos os topónimos, lendas e historias que lle contaban os seus avós. Deste xeito, ten rexistrados miles de topónimos da súa terra natal, no concello de Baltar, que comezará a subir paulatinamente á aplicación Galicia Nomeada xunto con outros do concello de Amoeiro.

Todas as persoas presentes desfrutaron coa parte da charla na que Vicente Feijoo lles falou da orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas de Amoeiro. Deste xeito, descubriron que tras o topónimo Trasalba (nome famoso en Galicia polo Pazo de Trasalba, a casa que alberga a Fundación Otero Pedrayo), agóchase o nome dunha antiga xurisdición real denominada Alba de Búbal que comprendía parte dos actuais concellos de Amoeiro, Vilamarín e A Peroxa, coa  súa cabeza no Castelo de Alba, preto do lugar do Formigueiro. A tres quilómetros deste castelo e fóra da xurisdición estaba situado o lugar de Trasalba, polo que se trata dun topónimo locativo. Outros dos topónimos curiosos que se mencionaron na charla foron os de Bacurín, Abruciños, Arruxo ou Rouzós cuxa orixes aínda hoxe nos resultan escuras. 

Vindeira parada: A Pobra do Brollón

A vindeira etapa da ruta Toponimízate será este mesmo venres mais con cambio de provincia: A Pobra do Brollón agarda a presenza da campaña da RAG e da SXPL, que fará parada na Casa da Cultura a partir das 19:30 h. 

Galería de imaxes
Tipos