Chantada recibe esta semana a campaña Toponimízate
A ruta Toponimízate 2025 continúa o seu percorrido polo noso país adiante. A campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua fai esta semana unha nova parada na Ribeira Sacra: será o venres 19 no Auditorio Municipal do concello lucense de Chantada a partir das 20:00 horas.
Ao concello lucense desprazarase Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, cun obxectivo ben definido: involucrar a veciñanza, as asociacións e á corporación municipal deste concello no gran proxecto colectivo de salvagarda e difusión da nosa microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, regueiros, penedos...) a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
A charla é especialmente importante nun municipio como Chantada, pois conta cun territorio moi amplo (176 km2 de extensión repartidos en 35 parroquias) e só algunhas das súas freguesías foron obxecto de recollida toponímica na época do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). A este feito, cómpre engadir que desde que se puxo en marcha a aplicación colaborativa Galicia Nomeada apenas se deron de alta nela colaboradores deste municipio. Por tanto, convidamos a todos os veciños e veciñas do concello e da súa comarca a que acudan á charla Toponimízate para ver o doado e necesario que é colaborar na recolla dos nomes dos viñedos e dos montes que os habitantes desta terra transmitiron de xeración en xeración con tanto agarimo.
Con estas premisas, Vicente Feijoo dedicará gran parte da charla a explicar as principais funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría xeográfica, as lendas ou historias que a xente maior conta sobre el, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa engadidos etc.
Como colofón, tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e lugares máis salientables, unha sección que conta coa colaboración do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os moitos topónimos que se comentarán, falarase da similitude semántica do nome do concello, Chantada (talvez procedente do latín (PETRA) PLANTANTA ‘pedra chantada’), co nome dunha das súas parroquias, Pedrafita (vén do latín PETRA FICTA 'pedra fixada, cravada, chantada na terra de forma vertical’). En orixe, é moi probable que os dous topónimos designaran un marco de pedra que servía de límite entre demarcacións ou xurisdicións.
Melón, seguinte parada da campaña
A campaña Toponimízate volve cambiar de provincia a vindeira semana: tras pasar por Laxe e agora por Chantada, o concello ourensán de Melón será a seguinte parada nesta ruta polo país. A cita, o venres 26 de setembro a partir das 20:00 horas na Casa do Concello de Melón.