A Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia reitera o seu ditame sobre o topónimo Ría de Ribadeo
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu onte, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a reunión da Comisión de Toponimia de Galicia, na que se acordou manter a oficialidade do topónimo galego Ría de Ribadeo, despois de que o Principado de Asturias trasladase ao Goberno central unha petición para oficializar o nome Ría do Eo.
A Comisión de Toponimia é o órgano de estudo, asesoramento e consulta da Xunta para a determinación das formas oficiais da toponimia galega e para efectuar as consultas que sexan necesarias con tal fin. Está formado por representantes de distintos departamentos do Goberno galego e de distintas institucións. O Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar esta mesma semana a renovación dos vogais representativos deste órgano con membros do Consello da Cultura Galega, da Real Academia Galega, do Instituto da Lingua Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Facultade de Xeografía e Historia, así como os vogais de libre designación e a secretaria da Comisión.
A Xunta enviará ao Goberno central a valoración e o informe solicitado polo Consejo Superior Geográfico, dependente do Instituto Xeográfico Nacional (Ministerio de Fomento), organismo encargado de decidir sobre os topónimos que afectan a máis dunha comunidade autónoma e que xa en 2008 acordara que o nome oficial desta ría era Ría de Ribadeo.
Este novo informe da Comisión de Toponimia de Galicia asenta nos mesmos argumentos do redactado en 2006, pero agora é máis completo, se cabe, porque conta coas achegas documentais e filolóxicas que se reflicten nos estudos feitos polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Grupo de Investigación “Análise territorial” da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Os criterios que reafirman o topónimo Ría de Ribadeo son os seguintes:
1. A denominación Ría de Ribadeo é a máis antiga para a ría, ademais de ser a xeral na cartografía de todos os tempos (s. XVI a XX) e a exclusiva ata o século pasado (XX).
2. As rías non son foces de ríos, senón mar que entra terra adentro, por iso non reciben o nome dos ríos que achegan auga, senón daquela vila que antes ou mellor consolidou porto de mar. Por iso dicimos ría de Vigo (e non do río Verdugo), de Arousa (e non do río Ulla), de Noia-Muros (e non do río Tambre)… Se as rías levasen o nome dos ríos que nelas desembocan, na ría de Ribadeo fano catro: o Eo, o Suarón, o Monxardín e o Grande. Ademais, o río Eo tampouco achega asturianidade, porque é un río galego, aínda que no seu curso baixo recolla auga de afluentes asturianos.
3. Tamén cómpre lembrar que o 25 de xuño de 2002, o rei Xoán Carlos I lle concedeu a Leopoldo Calvo-Sotelo o título de Marqués de la Ría de Ribadeo con grandeza de España.
4. Só en época recente, a denominación Ría del Eo / Ría do Eo adquire certa relevancia, e aparece mesmo nalgúns documentos oficiais.
5. Finalmente, cómpre destacar dous preceptos da Comisión de Expertos en Nomes Xeográficos da ONU (UNGEGN), da que forman parte, en representación de España, membros do Instituto Xeográfico Nacional:
a) Por normalización internacional dos nomes xeográficos enténdese a actividade encamiñada a lograr unha forma escrita única de cada nome xeográfico da Terra.
b) A Primeira Conferencia das Nacións Unidas sobre a Normalización dos Nomes Xeográficos, na Resolución I/4, de 1967 recomendou “que se evite o cambio innecesario de nomes”.