A Comunidade de Montes de Leiro implícase con Galicia Nomeada
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Leiro, en Rianxo, é un exemplo de paixón polo territorio e de coidado do seu monte. Alén de apostaren pola valorización dos seus aproveitamentos forestais, a diversificación de especies nos seus montes e a prevención de incendios nas súas 300 hectáreas, os máis de 250 comuneiros que a integran levan anos traballando arreo para implicar a cidadanía na defensa dos seus terreos comúns e en divulgaren todo o patrimonio dos montes chamados A Pena, A Trema, A Malladoira...
Entre as múltiples proxectos que levaron a cabo nos últimos anos, a recuperación e conservación dos nomes da súa contorna está a ser un dos eixos da súa actuación. No ano 2022 asinaron un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para desenvolveren de xeito conxunto un proxecto interdisciplinar que vinculase os usos tradicionais que se desenvolven no monte e as diferentes posibilidades de manexo sustentable coa recuperación da súa microtoponimia e as lendas sobre o territorio. Mediante este proxecto, dirixido polos profesores e membros da Rede Galabra, J. Elías Feijoo Torres e Emilio Carral Vilariño, varias alumnas do Máster de Estudos da Literatura e da Cultura (Sara Varela, Sirui Wang, Irene López e Andrea Castro) investigaron e recolleron a microtoponimia dos montes de Leiro e as lendas e historias de tradición oral da voz de persoas maiores da parroquia. A finalidade da acción era frear a perda deste patrimonio inmaterial e conservar a memoria da parroquia e dos seus maiores a través das historias creadas arredor dos seus topónimos, moitas veces relegadas á transmisión oral e familiar.
Agora, a intención da Comunidade de Montes de Leiro é que toda esa información estea accesible e dispoñible para toda a cidadanía na plataforma Galicia Nomeada, así como mellorar a través das súas achegas a toponimia xa rexistrada ata o momento, un total de 368 topónimos que xa se poden visualizar e consultar no visor.
Con esta finalidade, o pasado mércores 10 de setembro, o coordinador técnico da plataforma, Vicente Feijoo, desprazouse ao Centro Cultural Vicente Vidal de Leiro para impartir unha charla formativa a algúns dos membros desta comunidade de montes sobre as funcionalidades da aplicación e o rendemento que se lle pode tirar a toda esta información lingüística, histórica e cultural que achegan os topónimos. Entre eles estaban Ánxela Miguéns García, presidenta da comunidade e secretaria da Plataforma pola Defensa do Monte, que se encargou de presentar ao relator; e Rafael Saco Fernández, presidente da plataforma e vogal da comunidade, que fixo un resumo das actuacións levadas a cabo pola comunidade e da importancia da toponimia para a xestión do territorio. Cómpre mencionar tamén a presenza de Lucía Saborido Sóñora, presidenta da Comunidade de Montes do Araño e vogal da Plataforma pola Defensa do Monte, que pretende poñer en marcha a recolleita da microtoponimia tamén na súa parroquia.
Como non podía ser doutro xeito, a demostración de como funciona a aplicación Galicia Nomeada tivo un especial peso neste obradoiro toponímico: como engadir un topónimo novo, informar sobre erros e outras suxestións, engadir imaxes, descricións ou arquivos de sons...
Durante a demostración, algúns dos presentes xa detectou erros de situación nalgún dos topónimos existentes no visor e que procedían da recolleita feita polo antigo Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Outros como Javier Alcalde García, secretario da Comunidade de Montes de Leiro, achegaron in situ algúns novos como o dunha pedra chamada A Cova do Gato Fero.
Na parte final da charla que se estendeu por máis de dúas horas, Vicente explicoulles a orixe e significado do nome do concello e das súas parroquias. Pareceulles moi curioso aos asistentes que algúns deste nomes fosen únicos en toda Galicia, como Isorna, Taragoña ou O Araño.
Desde Galicia Nomeada queremos darlle os parabéns á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Leiro pola xestión que fan do seu monte, por incorporar a recolla e estudo da súa toponimia como parte da conservación do seu patrimonio e por facer pública esa información a través do noso visor de topónimos. Agardamos ver moi pronto o mapa toponímico da parroquia de Leiro ateigado de novos nomes, con imaxes, audios e lendas que os complementen, ademais das correccións pertinentes naqueles topónimos achegados na primeira recolleita.