O IES Lama das Quendas de Chantada sobe ao carro do proxecto Galicia Nomeada

A relación de centros de ensino que se poñen mans á obra na recuperación da nosa toponimia menor non para de medrar. O pasado venres 25 de abril, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, desprazouse ata o concello de Chantada para impartir unha charla sobre este proxecto colaborativo e sobre moitos aspectos relevantes da toponimia da zona no IES Lama das Quendas.

A iniciativa partiu do departamento de Lingua e Literatura Galega e do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do centro, nomeadamente das profesoras Rocío Barreiro e Andrea Santiso, esta última, autora do libro Toponimia de Antas de Ulla, dispoñible para descarga nesta páxina, e colaboradora da RAG na serie “O Seminario de Onomástica responde”. Elas foron as que contactaron coa Real Academia Galega coa intención de levar ao centro en que imparten docencia esta acción lúdico-formativa que puxo o foco na salvagarda e difusión dos nomes das terras, fontes, regueiros, penedos... do concello chantadés.

Vicente Feijoo ofreceu dúas charlas nas que participaron uns 60 alumnos de 2º da ESO na primeira e arredor duns 50 de 3º da ESO na segunda. O obxectivo de cada unha destas accións foi sensibilizar os mozos e mozas do papel tan importante que teñen nas súas mans: ser a xeración que recolla o saber dos seus maiores e o conserve para a posteridade grazas ás novas tecnoloxías, esas que eles tanto idolatran. Para iso dispoñen de Galicia Nomeada, unha eficiente ferramenta para salvar do esquecemento a nosa toponimia tradicional e que xa están a usar en ducias de centros de ensino de todo o país. Por iso, unha parte importante dos contidos do relatorio foi explicarlles o funcionamento da aplicación, tanto na versión para ordenador coma nos seus dispositivos móbiles: recoller un novo topónimo, gravar un audio para rexistrar a fonética, engadir algunha foto, documento, descrición ou lenda...

Tras esta parte metodolóxica, a charla centrouse nos nomes que forman parte da súa paisaxe cotiá. Entre os nomes de parroquias e aldeas que saíron á palestra, á rapazada chamoulles a atención que no seu concello existan dúas posibles variantes dun mesmo nome de lugar: tanto Chantada (lat. PLANTATA) como Pedrafita (lat. PETRA FICTA), nome este dunha das parroquias do concello, poden facer referencia a unha pedra chantada ou fixada no terreo para marcar un límite ou lindeiro entre demarcacións. Asma, nome do río que atravesa o concello, da antiga xurisdición da Terra de Asma e de varias parroquias bañadas por este río, foi tamén dos máis comentados. Se queredes coñecer a súa orixe e significado podedes consultar este artigo.

Ademais da parte práctica e teórica, tamén houbo tempo para aprender xogando. Os dous relatorios pecháronse cun xogo de toponimia en que o alumnado, dividido en diferentes grupos, tentaba responder a unha serie de preguntas sobre toponimia ao estilo Trivial. O xogo, baseado no recurso Atopando Compostela, estaba formado por cuestións sobre topónimos comúns a toda a xeografía galega e que serviu para que a rapazada ampliase os seus coñecementos sobre o vocabulario da nosa lingua e sobre cuestións históricas e culturais a través dos nomes de lugar.

Desde Galicia Nomeada agradecemos a iniciativa de Andrea Santiso e Rocío Barreiro para levar o proxecto Galicia Nomeada ás súas aulas, facendo que o seu alumnado aprenda contidos sobre varias disciplinas a través dos topónimos. Agardamos que a implicación do alumnado sexa alta e que dea como resultado unha boa colleita de nomes en Chantada. Tamén convidamos o resto de centros de ensino do país a contactar coa Real Academia Galega para sumárense a este proxecto colectivo de salvagarda do noso patrimonio cultural inmaterial.
 

Galería de imaxes
Tipos