O Campiño Turístico pon en valor a toponimia de Trasmiras

As charlas Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra non só serven para divulgar a importancia da nosa toponimia tradicional ou para conseguir que milleiros de persoas e ducias de institucións se sumen á súa salvagarda a través da plataforma Galicia Nomeada. Tamén valen para dar a coñecer ideas e iniciativas que, segundo as súas posibilidades e recursos, están a levar moitas persoas que comparten connosco a paixón polo patrimonio inmaterial toponímico de Galicia.

A iniciativa que hoxe mostramos neste artigo xurdiu a raíz da charla impartida no concello de Trasmiras por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada, na campaña Toponimízate do ano 2023. Alí, un matrimonio veciño deste concello, Roberto Montero e Rosa Losada, comentáronos o que para nós foi unha fermosa e interesante iniciativa:  bautizar cos topónimos locais as diferentes estancias do negocio de hostalaría que estaban a construír na vila, co dobre obxectivo de darlles a coñecer aos hóspedes a información cultural que se agocha detrás dos nomes da contorna e ao mesmo tempo pór en valor a súa toponimia.

Hoxe, aquela idea é xa unha realidade. Quen se hospede no Campiño Turístico farao nos apartamentos chamados O Recanto ou O Curro, cociñará no Fornelo e pasará pola Rexidora, o patio común do complexo. Cada un destes nomes figura ben visible nas estancias grazas a uns fermosos letreiros de forxa. Dentro de cada estancia, os hóspedes poderán ler a orixe e significado deses topónimos, unha información ofrecida con moito entusiasmo e ilusión por Vicente Feijoo.

Trátase esta dunha primeira fase do negocio hostaleiro que agardan ampliar con outros nomes. Desde Galicia Nomeada aplaudimos esta fermosa e interesante iniciativa, ademais de ofrecer a nosa colaboración con Roberto e Rosi para seguir ilustrando os visitantes coa información histórica e cultural que hai detrás de cada un dos nomes escollidos para as habitacións desta casa de turismo rural.
 

Galería de imaxes
Tipos