Éxito de colaboración en Laza tras a charla Toponimízate
O pasado 8 de xullo, a Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra achegouse á Casa do Concello de Laza. Alí agardaban o alcalde, José Ramón Barreal Novo, presentador de excepción do evento, e arredor de 30 persoas que acudiron ao chamamento que fixeron a través dos medios de comunicación e desta páxina web a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, onde alertaban do risco de desaparición que corría a microtoponimia deste municipio ourensán.
O resultado desta alerta non puido ser mellor. Moitas das persoas asistentes á charla solicitaron unha conta de usuario en Galicia Nomeada e, tras seren dados de alta, puxéronse mans á obra para achegar os nomes que coñeceron e usaron toda a súa vida. Estas novas e novos colaboradores multiplicaron por 8 os topónimos existentes na aplicación neste concello ourensán en tan só dúas semanas: se 8 de xullo eran 61 os nomes de lugar rexistrados en Laza, 23 deles pertencentes ás súas entidades de poboación segundo consta no Nomenclátor, hoxe xa suman 508 entre aqueles que xa foron validados e aqueloutros que están á espera de seren analizados e verificados polos técnicos de toponimia da Real Academia Galega. Entre estas persoas, temos que destacar o labor de Nieves Amado Rolán, que xa introduciu 285 topónimos, a de María Concepción Pérez Requejo, con 71 topónimos, e a de Ana Gloria Rodríguez Alonso, con 40 topónimos. Con todo, estamos igualmente agradecidos aos que meteron 5 ou 10 topónimos, pois toda achega é sempre ben recibida.
A metodoloxía de como introducir novos topónimos na aplicación Galicia Nomeada acaparou boa parte da charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que foi impartida por Vicente Feijoo, coordinador da aplicación e técnico do Seminario de Onomástica da RAG. Mais, como noutras ocasións, outra das seccións que máis interese suscitou foi a parte en que as persoas asistentes puideron descubrir cal é a orixe e a etimoloxía das parroquias e aldeas que forman a súa xeografía cotiá. Entre eles, moito se falou do nome do propio concello, Laza, considerado pola maior parte dos investigadores como un derivado da forma latina GLACIUM ‘xeo’ e relacionado con outros topónimos como Laceiras (latín. GLACIARIAS). Porén, o académico Gonzalo Navaza, xulga que tamén existe a posibilidade de que sexa un derivado de *PLATTUS (*PLAT(T)IA?), latino ou prerromano, e que faga referencia á orografía chaira do lugar. Esta perda do P- ante L tamén se dá na palabra leira (do celta *PLAREA, cuxa raíz dá orixe ao latín PLANUS,-A co significado de ‘chaira’).
Deste aquí queremos agradecer este éxito de participación nun concello tan necesitado da salvagarda da súa microtoponimia como é este de Laza e convidamos á veciñanza deste concello a que se unan ao proxecto para que non se perdan os nomes da memoria colectiva dos seus antepasados. Agardamos que este pequeno exército de colaboradores se forme tamén na seguinte parada da campaña Toponimízate, o de Chandrexa de Queixa. A cita será o venres 29 de xullo, no antigo Colexio de Celeiros, ás 19:30 h.