Éxito de participación nunha entrañable e animada charla Toponimízate en Valdoviño

Unha ateigada Casa da Cultura de Valdoviño acolleu o pasado venres 29 de maio un dos actos máis emotivos e participativos da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra deste ano. Isto foi grazas á presenza dunhas 30 persoas de entre 70 e 90 anos que participaron ao longo do ano no Curso de Estimulación Cognitiva que organiza o propio concello de Valdoviño. Todas elas recolleron o seu merecido diploma de participación no curso antes de dar comezo a charla de Toponimia, da man do alcalde, Alberto González Fernández, e  dos concelleiros Rosa Ana García López, concelleira de Cultura e Educación, e Germán Gómez Senra, concelleiro de Obras e Servizos. 

O profesor do curso e animador sociocultural do concello de Valdoviño, Daniel Cartelle, sinalou que a recolleita de toponimia a través de Galicia Nomeada vai ser a actividade estrela do vindeiro curso coa que vai estimular a memoria das persoas maiores e tamén as destrezas que están adquirindo coas novas tecnoloxías. 

Tras a entrega de diplomas, o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, arqueólogo de profesión e gran coñecedor do territorio do seu concello, foi o encargado de presentar a charla Toponimízate e ao relator. Manifestou o seu entusiasmo e compromiso con este proxecto de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial e anunciou que buscará os libros de amillaramento que existen no Concello e cos que el mesmo traballou en tempos para tratar de introducir todos eses nomes de terras en Galicia Nomeada. Trátase dun arduo traballo para o que cómpre buscar persoal que o realice.  Esta iniciativa foi recibida con entusiasmo por Vicente Feijoo Ares, coordinador de Galicia Nomeada e encargado de impartir o relatorio. 

A charla foi, ademais, moi participativa. Durante as case 3 horas que se prolongou houbo tempo para abordar as cuestións máis prácticas relacionadas co funcionamento e utilidades da plataforma colaborativa Galicia Nomeada co obxectivo de que as persoas presentes no auditorio puidesen comezar a recoller a toponimia das súas respectivas aldeas e parroquias. Deste xeito, explicouse polo miúdo como engadir un novo topónimo, como engadir audios, fotos e documentos nos xa recollidos ou como enviar suxestións para corrixir os que poidan estar mal escritos ou mal situados.

Pero a parte final da charla, reservada á orixe e significado dos topónimos de Valdoviño foi a que máis expectación e preguntas provocou na audiencia. E non é de estrañar, dada a gran cantidade de nomes únicos que atopamos neste concello da Terra de Trasancos: Agrós, Aldarete, A Bedoxa, Casianes, Choupenete... Aínda que tamén houbo espazo para desmentir a etimoloxía popular do nome do propio concello, Valdoviño, que explicamos neste artigo, ou para debater sobre a Grafía do nome da lagoa máis sonada deste municipio: a lagoa da Frouxeira / Frouseira.

No final da charla, a técnica de Cultura que se encargou de organizara charla Toponimízate e mais a entrega de diplomas, Rita Díaz González, fíxolle un agasallo ben especial ao proxecto Galicia Nomeada:  trátase dun mapa con toda a microtoponimia da parroquia de Meirás rexistrada por Pablo Souto Bogo, para que os técnicos de Toponimia da RAG poidan ir engadindo os centos de microtopónimos e talasónimos (nomes do mar) que alí figuran no visor de Galicia Nomeada. O equipo de Galicia Nomeada quere agradecerlle a Rita a cesión deste valioso documento.

Betanzos será a vindeira parada da campaña Toponimízate 2026

A iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra sumará esta semana un novo concello implicado na recuperación da súa toponimia, Betanzos. A cita será este venres 5 de xuño a partir das 19:30 h no Salón azul do Edificio do Arquivo.
 

Galería de imaxes
Tipos