Galicia Nomeada pon a disposición da cidadanía 160.000 microtopónimos precedentes do PTG
O Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) recolleu entre os anos 2000 e 2011 algo máis de 400.000 microtopónimos por toda Galicia. Un 60% deles xa foran incorporados ao visor de Galicia Nomeada no momento da posta en marcha desta plataforma colaborativa a finais do ano 2019. Pero o resto estaban pendentes de dixitalizar, pois daquela a recolleita de campo realizábase localizando os nomes á man en ortofotos aéreas en formato papel.
O traballo de xeorrefenciación desta microtoponimia foi realizado nos últimos anos polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo cartográfico da Xunta de Galicia dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo ao proxecto europeo GEOARPAD "Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal". No marco deste proxecto sobre a dixitalización do noso patrimonio cultural colectivo tamén se crearon a aplicación colaborativa Galicia Nomeada e este portal.
Neste outono, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) incorporou na base de datos de Galicia Nomeada arredor duns 160.000 topónimos que foran recollidos na etapa do PTG e que agora xa están dispoñibles na rede para toda a cidadanía galega.
Con esta importante contribución, o proxecto toponímico da Real Academia Galega mais da Xunta de Galicia xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre, o que supón un dos tesouros máis importantes do noso patrimonio cultural. Esta cifra é froito da unión das bases de datos do PTG, do Nomenclátor de Galicia e dos máis de 30.000 topónimos que os galegos e galegas achegaron ata agora a través da ferramenta colaborativa Galicia Nomeada.
Con todo, no IET aínda continúan a xeorrefenciar algúns concellos que se recolleron con distintos métodos en distintas etapas do PTG ao longo dos seus 11 anos de vida e cuxa toponimia se introduciu en bases de datos en distintos formatos. Todo isto supón unha dificultade engadida na tarefa de homoxeneización e dixitalización destes datos. Agardamos que no 2022 se poida subir a microtoponimia restante que fora rexistrada polo PTG.
Todos estes nomes de terras, montes, regueiros, penedos, fontes, praias, baixos... poden consultarse a través deste portal ou da aplicación Galicia Nomeada, dispoñible quer para dispositivos Android e Apple, quer desde o enderezo http://galicianomeada.xunta.gal
Distribución dos topónimos incluídos
Os topónimos incluídos forman parte de 184 concellos das catro provincias, o que supón case o 60% do total de municipios. O concello que encabeza a relación de topónimos incluídos é Muras, con 5.690; ségueno A Veiga, con 5.155, e outros nove concellos con máis de 4.000 topónimos (Coristanco, Ourol, O Corgo, Mondoñedo, Guitiriz, Xermade, Castroverde, O Pino e Entrimo).
En cifras absolutas, é Lugo a provincia con maior inclusión toponímica, con 60.167, seguida por Ourense con 43.000, A Coruña, con máis de 37.000, e en último lugar, Pontevedra, con algo máis de 19.000 topónimos. Por porcentaxe, o 75% dos concellos de Lugo recibiron algunha achega, fronte ao 59% dos da Coruña, o 56% dos de Ourense e o 44% dos de Pontevedra.
Galicia Nomeada, a app colaborativa que suma máis de 30.000 achegas
Desde a súa posta en marcha en decembro do 2019, a proxecto colaborativo da Xunta de Galicia mais da Real Academia Galega recibiu máis de 31.955 achegas en forma de microtopónimos de todas as partes de Galicia. En total, son 2.256 as persoas e institucións colaboradoras activas neste momento.
Quen desexe colaborar no proxecto ten ao seu dispor un formulario de contacto, dispoñible en http://galicianomeada.xunta.gal, onde deberá indicar os seus datos persoais. Unha vez recibida a solicitude, o equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da RAG contactará cos colaboradores para validar a súa conta.