O IES Enrique Muruais da Pontenova súmase a Galicia Nomeada

A plataforma de salvagarda da nosa micrtoponimia Galicia Nomeada non deixa de sumar centros de ensino colaboradores en todo o país. Un dos últimos en adherirse con entusiasmo á iniciativa foi o IES Enrique Muruais da Pontenova.

O pasado 8 de abril, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, acudiu á chamada de Lidia López Teixeiro, docente de Lingua e Literatura Galega e membro do Equipo de Biblioteca do instituto, quen contactou coa Real Academia Galega co fin de levar ao seu centro unha charla lúdica e formativa sobre a importancia da toponimia tradicional e como contribuír á súa conservación a través da aplicación Galicia Nomeada.

A intención do centro pontenovés é integrar a toponimia nas aulas de 2.º e 3.º da ESO. Para tal fin, o alumnado empregará a plataforma colaborativa Galicia Nomeada, que lles servirá para engadir os nomes de terras, fontes, montes, penedos... da súa contorna e tamén para achegar audios coa pronuncia dos nomes, fotos dos elementos de interese cultural ou mesmo lendas, ás fichas dos topónimos xa recollidos neste concello polo antigo Proxecto Toponimia de Galicia cando estaba activo. Ademais, un grupo de alumnos destes dous cursos vai realizar un mural para divulgar ao resto de compañeiros do centro a riqueza toponímica que atesouran os concellos da Pontenova e Riotorto, de onde é a maioría da rapazada.

Vicente Feijoo, como xa vén sendo habitual neste tipo de formacións didácticas, falou no seu relatorio da importancia da toponimia galega como patrimonio cultural e lingüístico de Galicia; das funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada para salvagardala, difundila e investigala; e, na parte final, da orixe e significado dos nomes de parroquias e aldeas deste concello da Pontenova.

Esta última parte resultoulles de moita utilidade a un grupo de rapaces e rapazas de 1.º de Bacharelato para complementar o estudo do léxico galego que se traballa nesta etapa educativa, ao trataren as distintas etapas da lingua galega e a xénese da súa base lexical. Así, aprenderon como os diferentes estratos e superestratos que conformaron a lingua galega están presentes na nosa toponimia: dende palabras prerromanas como varcia (a partir da raíz indoeuropea *aw-, *awed, *awer ‘humedecer, mollar, fluír’) ou barro, integrante de topónimos como As Barreiriñas e Os Barreiros; a nomes propios de orixe xermánica, como Mousende (do xermánico Modesindus) ou Recende (de Recesindus); pasando por formas que proceden da lingua lingua latina, como o propio nome do concello, A Pontenova (PONTEM NOVAM ).

Desde Galicia Nomeada agradecemos a iniciativa de Lidia López Teixero, apoiada por gran parte do profesorado do centro, e agardamos que os resultados do traballo sexan produtivos, desde o punto de vista académico e persoal, para todo o alumnado que participe neste proxecto.

Tipos