Guntín e a súa rapazada, dispostos a “toponimizarse”
Guntín é un concello máis, e van 16 neste ano, en sumarse á recuperación da súa toponimia e á campaña da Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. E faino grazas a todas as persoas que o 23 de novembro asistiron á Casa da Cultura, comezando pola súa alcaldesa, María José Gómez Rodríguez, e o alumnado de todos os cursos da ESO do CPI Tino Grandío.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e relator da xornada, dirixiuse especialmente a eles, o futuro de Guntín, que acudiu á Casa da Cultura grazas ao labor de Carlos Vázquez García, profesor de Lingua e Literatura do Centro. Díxolles que eles eran o novo chanzo da transmisión da nosa toponimia e teñen a oportunidade de contribuíren, como ninguén, á súa conservación grazas á oportunidade que nos ofrecen as novas tecnoloxías. As e os alumnos tomaron boa nota sobre como usar Galicia Nomeada para este labor, co fin de que poidan transmitir e difundir a sabedoría toponímica dos seus pais, avós e veciños.
Tamén quixo convidar a Carlos e ao resto de profesores do centro para que teñan en conta a toponimia no seu labor docente. Para iso, poden tomar como referentes os proxectos que xa lanzaron outros centros e que poden consultar nesta páxina ou todas as posibilidades que lles ofrece a aplicación Galicia Nomeada.
Logo de lles explicar o funcionamento da plataforma, a parte da charla que máis preguntas e interese suscitou entre o público é a dedicada a coñecer a orixe e o significado dos nomes de Guntín, como adoita acontecer nestes encontros onde boa parte do público é o alumnado dos centros de ensino. Neste caso, a maioría destas etimoloxías xa eran coñecidas porque foron obxecto de estudo no libro do profesor Carlos Vázquez titulado A Toponimia de Guntín de Pallares. Con todo, os rapaces quedaron sorprendidos co verdadeiro significado de nomes como Perros, Grolos, Matei, pois a tendencia popular é asocialos ás palabras homógrafas do léxico común.