A Mariña Dourada: a Universidade da Coruña na vangarda da recuperación da súa toponimia tradicional

O pasado venres 23 de xuño, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, xunto á veciñanza da parroquia de Elviña descubriron unha placa co novo nome do principal equipamento deportivo da universidade, que no sucesivo será coñecido como Estadio Universitario A Mariña Dourada. A noticia é de grande importancia non só pola loable acción de tomar como propio o topónimo co que eran coñecidas estas terras antes de que se construíse a instalación, senón porque recupera e difunde para todos nós un topónimo sen igual en toda Galicia, unha auténtica alfaia de máis valor que o propio ouro que forma parte do nome. 

Este novo e, á vez, tradicional nome forma parte dun proxecto de recuperación máis ambicioso do patrimonio cultural que está vinculado á Universidade da Coruña na parroquia de Elviña, pero que ten na toponimia tradicional un dos seus principais eixos de actuación. Así, segundo anunciou o propio reitor, un dos próximos pasos neste programa promovido pola vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte será, entre outros, seguir recuperando a toponimia dos Campus de Elviña e da Zapateira, os dous dentro desta mesma parroquia.

Para isto tomarán como referencia unha pequena, pero interesantísima, peza etnográfica publicada pola propia Universidade en 2008, O val de Elviña, a identidade cultural na memoria, feita pola antropóloga e arqueóloga Ana Filgueiras Rey. O caderno está formado por diferentes mapas que, alén doutros datos etnográficos interesantísimos, recolle a toponimia maior e menor de Elviña, así como os nomes dos camiños tradicionais: O Seixedo, A Canle -estes dous tamén dentro do espazo do estadio universitario-, As Salgadas, A Morena, As Carballeiras, A Viña Nova e A Viña Vella, O Monte do Cura, As Paxareiras, O Pouporón, o Camiño dos Romeus, a Corredoira do Trasno...

Cómpre tamén salientarmos o papel que xoga a veciñanza de Elviña en todo este proceso, xa que o traballo de recuperación toponímica é unha constante nas actividades das agrupacións parroquiais, como a Asociación Cultural Tempo Novo e a Asociación de Veciños Os Rexumeiros de Elviña – Castro, que tamén asistiron ao acto do pasado día 23. 

Alén de informantes para o traballo de Ana Filgueiras, estas dúas asociacións xunto a veciñanza conseguiron que en 2008 a Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña estimase a súa proposta para nomear as rúas dos lugares de Elviña, do Castro e do Souto cos nomes tradicionais con que eran coñecidas estas vías ou cos microtopónimos dos predios en que se localizaban. Así, as rúas do Portalón, O Curro, As Hortas de Elviña, A Fonte, As Rebandas, A Marea, O Canedo, O Vilar, A Agra do Bico, As Carballeiras, A Pena do Cuco, o Camiño de Mons, o Camiño dos Saramelos ou o Camiño do Pouporón  enriquecen desde 2008 o Nomenclátor urbano coruñés. 

Ademais, no último número da revista que publica a Sociedade Cultural e Recreativa Tempo Novo, publícase a primeira parte dun estudo sobre a súa toponimia maior que terá continuidade nas vindeiras publicacións.

Volvendo á Mariña Dourada, trátase este dun topónimo único que non pode ser máis acaído para un estadio universitario, onde se celebran os triunfos de atletas en diversas modalidades deportivas, como o rugby e mesmo o fútbol gaélico. Porén, xulgamos que nada ten que ver co metal precioso con que se certifican as vitorias deportivas e talvez máis coa propiedade destas terras que, na memoria das xentes de Elviña, eran extremadamente vizosas. É posible, pois, que o adxectivo dourada faga referencia á cor das terras, moi claras, en comparación co resto do terreo, moito máis escuro. Mesmo tamén se pode interpretar que esa cor dourada de deba a que lles batía moito o sol e os minerais existentes nelas devolvesen ese reflexo, como acontece con moitos lugares chamados A Pedra Dourada.

O primeiro dos elementos, porén, é moito menos transparente aínda que se trate dunha palabra do galego común, A Mariña. Pode tratarse do nome da primeira propietaria das terras, Mariña. Porén, a presenza do artigo fai que esta hipótese sexa pouco probable. Tamén cómpre ter en conta que, en moitas partes de Galicia, as patacas recibiron o nome de “castañas mariñas” ou simplemente “mariñas” por procederen da outra parte do mar, en oposición ás castañas, ás que substituír na alimentación. O nome de “mariñas” tamén se aplicaba ás terras onde se plantaban estes tubérculos esenciais na nosa dieta. Aínda que as primeiras plantacións no noso país están rexistradas no século XVI, non será ata mediados do século XVIII en que se expanda o seu cultivo por toda a xeografía. Este dato non é menor se temos en consideración que os nomes dos predios da contorna do actual estadio universitario, como A Canle, As Salgadas, As Maceiras ou As Carballeiras, aparecen rexistrados no Catastro da Ensenada. No entanto, A Mariña Dourada non aparece incluído neste inventario catastral de mediados do XVIII, un feito que podería servir de sustento para relacionar o topónimo cun lugar onde se plantaban patacas, pero que daquela aínda non tiña este uso. A nova utilidade puido servir para crear o novo topónimo; mais esta é simplemente unha hipótese. 

Galería de imaxes
Tipos