Narón baixoulle o pano a unha proveitosa Campaña Toponimízate 2023

A intensa campaña Toponimízate deste ano 2023 chegou á súa fin este venres 1 de decembro, tras dous meses de charlas en 13 concellos do noso país repartidos polas 4 provincias: Dumbría, Narón e Padrón, na provincia da Coruña; A Pobra do Brollón, Becerreá, Begonte e Friol, na provincia de Lugo; Amoeiro, Maceda e Trasmiras, na provincia de Ourense; Ponte Caldelas, Tui e Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra. 

No concello de Narón esperaban con moita ilusión a chegada desta actividade da man de Vicente Feijoo, técnico coordinador do Seminario de Onomástica da RAG. A técnica de Normalización Lingüística deste concello, Adela Pita Permuy, levaba moito tempo solicitándoa e desexando implicarse no proxecto colaborativo Galicia Nomeada para recoller a microtoponimia dunha área tan urbanizada como é esta do concello de Narón. Nesta idea fixo fincapé María del Carmen Lorenzo Tojeiro, a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Política Lingüística, durante a presentación do acto, sabedora da urxencia e necesidade de salvagardar esta parte tan importante do noso patrimonio cultural inmaterial. 

Desde esta administración local teñen experiencia abonda en traballos relacionados coa recuperación e fixación da toponimia tradicional para nomear as rúas e os camiños das distintas parroquias. Das vicisitudes deste proxecto informou durante a charla unha das persoas responsables de levalo adiante, Francisco Javier Castro García, técnico de Estatística deste concello, que sempre tivo en mente crear un visor xeográfico para Narón con todos estes topónimos do Nomenclátor urbano que identifican os barrios e as vías de comunicación. Agora ten unha oportunidade marabillosa de facelo a través da plataforma Galicia Nomeada subindo esa información, á que lle poderán engadir a información etimolóxica do significado dos nomes dos barrios e lugares que Vicente Feijoo lles proporcionará. Este mesmo compromiso foi adquirido por outras persoas presentes na sala, como Manuel Piñón, membro da Asociación veciñal da parroquia de Trasancos, ou Xosé Francisco Roade Servia, da Asociación veciñal do Couto.  

Desta forma e como non podía ser doutro xeito, gran parte da charla estivo dedicada a ensinarlles aos asistentes as funcionalidades da aplicación móbil e de escritorio para que todos poidan traballar e incorporar os nomes dos lugares que coñecen, xunto con fotos dos elementos de interese cultural, audios coa pronuncia dos nomes por parte das persoas nativas de cada lugar ou vídeos contando unha lenda asociada a un topónimo. 

Despois de que Vicente Feijoo lles falase da orixe e significado dos nomes das parroquias e das entidades de poboación deste concello, houbo unha intensa e enriquecedora participación das persoas presentes para falar da historia que eles coñecían dalgúns deses topónimos. Precisamente, Trasancos foi un dos topónimos que máis relevancia tiveron nesta parte final da charla Toponimízate, un nome que é moito máis que o dunha das súas parroquias: baixo a denominación de Terra de Trasancos facíase referencia a todo o territorio comprendido polos actuais concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Valdoviño e San Sadurniño; división que xa aparece mencionada no século VI. Este nome, do que existe constancia cando menos desde hai máis de 2.000 anos, ten suscitado moito interese entre os etimólogos, que non se puxeron de acordo entre o seu valor oronímico ou hidronímico.  

Os asistentes tamén reclamaron que o nome oficial da parroquia de Xuvia (San Martiño) non era recoñecible para eles, pois sempre lle chamaron parroquia do Couto (San Martiño). Aclaración que será tida en conta para a revisión do Nomenclátor de Galicia que está facendo o Seminario de Onomástica da RAG. 

Algúns datos da  campaña Toponimízate 2023 

Desde comezos de outubro, 140 persoas decidiron sumarse ao proxecto de recolla toponímica da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia e solicitaron unha conta de usuario na plataforma Galicia Nomeada. Nestes últimos dous meses, recibíronse 1.340 achegas públicas; delas, arredor de 800 topónimos foron recuperados nos concellos que visitou a Campaña Toponimízate grazas ás persoas asistentes. Cómpre salientarmos os 160 nomes de fontes, regos, leiras... que se incluíron en Amoeiro ou os 149 Trasmiras. Tamén é destacable o traballo que está a realizar o IES de Becerreá pois o alumnado e profesorado do centro xa incluíron en Galicia Nomeada 135 novos nomes de lugar en pouco máis dun mes. 

Galería de imaxes
Tipos