O Barco de Valdeorras despide as charlas Toponimízate neste mes de novembro
O alumnado e o profesorado do IES Lauro Olmo, do IES Martaguisela, do Colexio Plurilingüe Divina Pastora así como as máis de 25 persoas que se achegaron ao Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras foron os encargados despedir as charlas Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra neste mes de novembro. A cita foi seguida nestes lugares a través da Canle de Youtube da Real Academia Galega e, se o quixeres, podes asisitr de nova a ela nesta propia páxina.
Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG, procurou entre a rapazada e o profesorado do Barco de Valdeorras, novos e novas gardiáns da microtoponimia galega. Precisamente neste concello ourensán, grazas ao labor de varios colaboradores, como o profesor Xabier Roo ou Gustavo Docampo, técnico de cultura do propio municipio, xa foron recuperados máis de 200 topónimos a través da aplicación Galicia Nomeada.
A parte que máis sensación causou do relatorio, foi, como de costume, aquela dedicada a aprender a orixe dos nomes de lugar do concello do Barco. Foron moitas as dúbidas e consultas que houbo neste aspecto que tentou resolver Vicente Feijoo, comezando polo propio do concello. O primeiro dos elementos que forman o topónimo, barco, levou ao imaxinario popular a crear diferentes lendas sobre a existencia dalgunha embarcación desde a época romana na beira do río Sil; o lugar do Porto da Barca no punto onde se supón que cruzaba o barco entre a capital e Viloira (que existiu ata 1902) reforza a idea de que o nome O Barco facía referencia a unha embarcación que servise para cruzar o río. Unha outra tese, en cambio, sostén que a forma barco pode proceder dunha partícula prerromana *barg- ou *barc. co significado de “depresión fluvial ou concavidade”. Canto ao segundo dos elementos, Valdeorras, fai referencia ao Val dos Gigurros, un pobo prerromano localizado nesta parte de Ourense.
O 3 de decembro, última charla da campaña Toponimízate neste 2021
A do Barco de Valdeorras non será, porén, a derradeira charla do 2021. A edición deste ano da campaña porá o ramo cunha edición especial das charlas Toponimízate: será o 3 de decembro no Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira. Con esta actividade da memoria procúrase relacionar o envellecemento activo e a calidade de vida dos nosos maiores coa recuperación da nosa toponimia tradicional, un tema que para eles é tremendamente próximo e importante. Elas e eles son os que atesouran, manteñen e gardan a memoria colectiva da nosa riqueza toponímica e, por iso, representan un dos nosos maiores activos culturais.