Trasmiras recibiu a campaña Toponimízate con vontade de recuperar os nomes desta terra limiá
O Concello de Trasmiras pechou as charlas do mes de outubro da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, desprazouse ata a Casa da Cultura deste municipio ourensán cun obxectivo claro: buscar persoas dispostas a recuperar a microtoponimia da súa terra e poñela á disposición de todo o mundo a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
Agardábao alí o alcalde deste concello, Emilio José Pazos Ojea, un entusiasta desta materia, quen, desde que escoitou falar do proxecto Galicia Nomeada, fixo todo o que estaba da súa man para que a mensaxe da campaña Toponimízate chegase á súa terra e aos seus veciños. Durante a presentación que fixo de Vicente Feijoo, Emilio Pazos aproveitou para presumir da internacionalidade dalgún dos seus veciños e da súa capacidade de integración no mundo rural, nomeadamente de Loius Tamblyn James, tamén presente na sala, un rapaz orixinario de Cornualles que se veu establecer nunha aldea deste concello chamada Escornabois. O alcalde amosou con moito orgullo unha camiseta que este mozo inglés deseñou para a festa desta aldea en que aparece un debuxo do insecto chamado escornabois ou vacaloura e que está recheo con ducias de microtopónimos desta mesma parroquia de Escornabois.
A tarefa de recuperación dos nomes das terras en Trasmiras é moi urxente, xa que en apenas catro décadas a súa poboación viuse reducida a un terzo por mor do despoboamento que está a sufrir o interior da provincia ourensá. A este factor, hai que engadir o feito de que este é un dos concellos que non foi obxecto da recollida do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG) nos anos que este estivo activo (2000-2011). Cómpre agora, a través da veciñanza, continuar o camiño que abriu a rapazada do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, que incluíu varias ducias de nomes de terras, leiras... grazas a alumnado procedente de Trasmiras.
Por estes motivos, Vicente Feijoo centrou boa parte do seu relatorio en difundir a importancia da toponimia en todos os planos, en falar das súas aplicacións prácticas, así como da urxencia de recollela ante a alarmante perda que sofre este patrimonio inmaterial nas últimas décadas. O público asistente tomou bota nota das explicacións prácticas sobre o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada: como solicitar unha conta de colaborador/a; como introducir un topónimo; como anexar fotos, audios ou documentos; como cargar ortofotos de distintos anos ou capas de información cartográfica; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...
Entre os asistentes xa había colaboradores de Galicia Nomeada como Nica Palomares, nativo do concello veciño de Cualedro (aínda que seu pai é de Vila de Rei, Trasmiras) e autor do libro Cualedro, aquí tan lonxe. Nica está recollendo microtopónimos no seu concello e tamén animou aos asistentes a facelo nas súas respectivas aldeas. Outra persoa con experiencia na recolleita de topónimos presente na sala foi Antonio Rodríguez Corbal (Toño de Lodoselo), fundador do Centro de Desenvolvemento Rural do Viso (Lodoselo, Sarreaus), quen tamén ten rexistrada a microtoponimia da súa parroquia para agora subila á plataforma Galicia Nomeada.
A parte final da charla, como é habitual nesta actividade, estivo dedicada a falar da orixe dos nomes das parroquias e das aldeas de Trasmiras. Entre eles, o nome prerromano do propio concello, Trasmiras, ou o curioso topónimo Escornabois, que identifica unha das parroquias e aldeas deste municipio. Este nome, lonxe de ter a súa motivación nun insecto ou nunha árbore, homónimos seus, semella máis verosímil que estea relacionado con outros topónimos que inclúen os elementos ‘boi’ (Boimorto, Boipardo...) e a raíz prerromana *KORN- (Corme, Corneira, Coristanco...) que fan referencia á abundancia de pedra.
Neste punto da charla, tomaron a palabra Rosi e Roberto, un matrimonio que está a montar unha casa de turismo rural neste mesmo concello e que expresou a súa vontade de pórlle aos cuartos estes topónimos de aldeas ou incluso microtopónimos curiosos coa explicación sobre a súa orixe e significado. O obxectivo é dar a coñecer aos hóspedes a riqueza toponímica do seu concello, para o que tamén solicitaron o asesoramento de Vicente Feijoo. Desde o proxecto Galicia Nomeada dámoslles os nosos parabéns por unha iniciativa tan bonita e interesante.
En novembro, máis Toponimízate
Novembro vén cargado de citas coa nosa toponimia. Ata sete concellos acollerán unha charla Toponimízate: Padrón, o xoves 2 de novembro na Casa dos Capeláns de Iria, a partir das 20:00 h; Amoeiro, o xoves 9 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:00 h; A Proba do Brollón, o venres 10 de novembro na Casa da Cultura a partir das 19:30 h; Dumbría, venres 17 de novembro no Centro Social de Dumbría a partir das 12:00 h; Maceda, o martes 21 de novembro a partir das 12:30 horas no IES San Mamede; e Ponte Caldelas, o venres 24 de novembro no Centro Cultural de Ponte Caldelas a partir das 20:00 h.