O IES García Barbón de Verín súmase a Galicia Nomeada
A lista de centros de ensino que se poñen mans á obra na recuperación da nosa toponimia non para de medrar. O pasado venres 24 de maio, Vicente Feijoo viaxou a terras verinesas para sumar un novo instituto a esta tarefa colectiva, o IES García Barbón de Verín, e na mesma fin de semana foron varios os alumnos e alumnas que xa se deron de alta na plataforma Galicia Nomeada.
Concepción Álvarez Pousa, docente de Lingua e Literatura Galega, contactou coa Real Academia Galega co fin de incluír un obradoiro sobre toponimia nas actividades que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro organiza cada ano polo mes de maio. Precisamente foi ela xunto coa alumna Daniela Atanes as encargadas de presentar ao relator. Na organización desta actividade tamén colaboraron Noa Carrera Afonso, profesora de Economía, e Daniel Veiga, orientador do centro, pois foron os primeiros en falarlles aos rapaces e rapazas da existencia do proxecto colaborativo Galicia Nomeada. Ao relatorio acudiu o alumnado que cursa 1º de bacharelato xunto con outros alumnos e alumnas de distintos ciclos de Formación Profesional do centro.
O obxectivo desta charla foi sensibilizar os mozos e mozas asistentes do papel tan importante que teñen nas súas mans; isto é, recoller dos seus avós e avoas toda a información que poidan sobre a microtoponimia de Verín e da súa comarca e facer, por tanto, que perdure máis alá da súa xeración a través das novas tecnoloxías. Para iso poñemos á súa disposición unha ferramenta informática coa que centos de rapaces coma eles están a colaborar por todo o país: Galicia Nomeada. Vicente Feijoo explicoulles todo o que poden facer con ela, tanto desde os seus ordenadores coma nos seus dispositivos móbiles: recoller un novo topónimo, gravar un audio para rexistrar a fonética, engadir algunha foto, documento, descrición ou lenda...
Tras esta formación, chegou o momento de que o alumnado preguntase polo significado dos nomes das parroquias e das aldeas non só do concello de Verín, pois entre o público asistente había rapaces e rapazas de toda a comarca: Laza, Castrelo do Val, Cualedro, O Riós, Oímbra, Monterrei, Vilardevós... Entre todos os topónimos, Feces foi dos que máis interese causou, tendo en conta o seu significado primario no galego actual. Porén, os topónimos Feces de Cima e Feces de Abaixo están relacionados co río Feces ou río Pequeno, afluente do Támega, e talvez procedan da voz latina FECEM co significado de ‘pouso’, en referencia á cantidade de sedimentos que puidese arrastrar este río no seu percorrido ou á sucidade das súas augas.
No que vai de ano, o alumnado do IES Ponte Caldelas, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, do CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, do IES Salvaterra de Miño e agora do IES García Barbón de Verín, recibiron formación para saber como recuperar os nomes das súas terras a través da aplicación Galicia Nomeada. Esta iniciativa está aberta a todos os centros de ensino do país, aos que convidamos a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica.