O IES Marqués de Sargadelos súmase á rede de centros de ensino que colaboran no proxecto Galicia Nomeada

O alumnado de 3º e 4º da ESO mais de 1º de bacharelato do IES Marqués de Sargadelos de Cervo únese á tarefa da recuperación da nosa toponimia tradicional. O pasado venres 27 de maio, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudiu á Mariña para animar a rapazada a formar parte desta comunidade de centros unidos por unha arela común, a de salvagardaren un dos nosos maiores patrimonios inmateriais, a toponimia tradicional.

A iniciativa estivo organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro, do  que forman parte os profesores Antonio Vidueiro, Ana Longarela, Xoán Saá, Alberte Rodríguez de Bernardo, Pilar Fernández Fernández e Mónica Ares. Antonio Vidueiro, que antes de ser profesor traballou moitos anos no Proxecto Toponimia de Galicia como técnico de campo, contactou cos responsables do proxecto Galicia Nomeada para xuntar o esforzo e achegas desde este instituto de San Cibrao ao que acoden rapaces e rapazas dos concellos de Cervo e Xove. 

Vicente Feijoo ofreceulles unha charla sobre o valor da toponimia como patrimonio cultural, sobre o perigo que corren de desaparecer os nosos nomes tradicionais e a responsabilidade que temos como pobo de salvagardalos. Para isto último, explicoulles como funciona a aplicación Galicia Nomeada. Como colofón, os rapaces a rapazas que asistiron á charla puideron aprender que significan os nomes das parroquias e aldeas dos dous concellos mencionados.

O IES Marqués de Sargadelos únese pois á relación de centros que contan con proxectos de recuperación da micrtoponimia do territorio no que asentan, da que xa forman parte por exemplo o CPI O Mosteiro de Meis, o IES Terra de Soneira, o IES de Meaño, do CEIP Coirón-Dena ou CEIP As Covas e, así, ata máis dunha trintena.

Cómpre salientar que no concello de Cervo xa se recolleran na época que estivo activo o Poxecto Toponimia de Galicia (2000-2011) algo máis de 3.000 topónimos. Pero somos conscientes de que aínda quedan moitos máis por salvagardar. En Xove recolléranse daquela máis de 2.000. Estas cifras ofrécennos unha dimensión da cantidade de nomes existentes neste territorio e da riqueza cultural que representan.

Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer o convite do IES Marqués de Sargadelos de Cervo e agardamos beneficiarnos todos do seu traballo en Galicia Nomeada.
 

 
Galería de imaxes
Tipos