O Irixo coñeceu a importancia da súa toponimia
A sala multiusos da Casa do Concello do Irixo albergou unha nova charla do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da nosa toponimia tradicional e procura colaboradores na súa salvagarda para a aplicación Galicia Nomeada. O evento, que foi presentado polo alcalde do Concello do Irixo, Manuel Cerdeira, tivo lugar o venres 12 de novembro.
Alí estivo o especialista de toponimia do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, quen procurou novos e novas colaboradoras entre as persoas asistentes para o proxecto de recuperación da nosa toponimia tradicional. Boa parte do evento centrouse na importancia que teñen os nosos nomes de lugar dentro do noso patrimonio tradicional e o risco que corren de desaparecer. Para procurar a súa posta en valor e salvagarda, Vicente Feijoo explicou o funcionamento de Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa que suma máis de 2.000 contribuíntes con 30.000 achegas toponímicas. De feito, diversos colaboradores xa incluíron máis de 700 topónimos e microtopónimos do concello do Irixo en Galicia Nomeada desde a súa posta en funcionamento, un labor importantísimo pois neste concello ourensán non se fixera traballo de campo nos anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG). Entre estes colaboradores, queremos destacar a achega de 544 microtopónimos por parte do profesor Xulio Dobarro, autor dun libro no que tamén estuda a toponimia maior deste concello, titulado O Irixo. Patrimonio cultural, e que tamén estivo presente no acto.
A charla tamén tivo un espazo para coñecer a orixe e o significado dalgúns dos nomes das aldeas, lugares e parroquias do Irixo. Esta parte do relatorio contou coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e recentemente elixido académico de número da Real Academia Galega.
Meaño e O Barco de Valdeorras, dúas charlas telemáticas para o que queda de mes de Santos
O vindeiro venres 19 de novembro, volven as charlas Toponimízate en streaming: a rapazada do IES de Meaño, o CEIP Coirón-Dena e do CEIP As Covas do concello pontevedrés asistirán á segunda charla telemática desta temporada, que tamén poderá seguirse a partir das 12:00 h na Casa da Cultura de Dena e na canle de Youtube da Real Academia Galega. O Barco de Valdeorras será o encargado de pechar as charlas Toponimízate neste mes: a cita, tamén telemática, será o día 22 de novembro, a partir das 15:40 h e poderá verse no IES Lauro Olmo, no IES Martaguisela, no Teatro Lauro Olmo e na Aula CEMIT deste concello ourensán.