O proxecto de recolla da toponimia tradicional volve entrar nas aulas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz

Galicia Nomeada volve entrar nas aulas do IES Poeta Díaz Castro. Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto, visitou este venres 6 de febreiro este centro guitiricense co fin de implicar a súa comunidade educativa nesta gran tarefa colectiva que suma milleiros de persoas implicadas por toda Galicia e ducias de centros de ensino do país. 

Esta acción dinamizadora xurdiu do departamento de Xeografía e Historia do propio centro, a través dos profesores Jairo González e Fátima Castro. Estes contan co apoio do Departamento de Lingua e Literatura Galega a través da participación da profesora Susana López. A intención do profesorado é implicar os alumnos e alumnas de 2º ESO na salvagarda dos nomes das terras das súas aldeas e parroquias, pois os familiares de moitos deles teñen na actualidade explotacións agrícolas e gandeiras. O obxectivo do profesorado é poñer en valor os nomes do territorio en que vive o seu alumnado e  que esta información patrimonial e cultural acompañe os rapaces e rapazas no seu proceso de formación académica durante os vindeiros cursos da ESO, facendo fincapé no importante papel que xogan as novas xeracións na súa conservación e difusión.

Vicente Feijoo ofreceulles, xa que logo, un obradoiro práctico que se prolongou durante as tres últimas horas da xornada escolar. Tras unha pequena introdución sobre a importancia da toponimia galega como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de desaparecer, o coordinador técnico do Seminario de Onomástica centrouse nas funcionalidades da aplicación Galicia Nomeada: como engadir un novo topónimo; como gravar a súa pronuncia; como engadir unha imaxe ou un texto coa súa descrición etc. 

A seguir, a rapazada do centro puido coñecer a orixe dos nomes das parroquias e moitos dos lugares en que viven: desde o nome do concello, Guitiriz, xa atestado desde hai máis de mil anos como Bitiriz e derivado dun nome persoal xermánico WITIRICUS; ata o antigo nome do municipio, Trasparga, que foi modificado polo actual en 1945. Este topónimo fai referencia ao territorio que queda ‘detrás do río Parga’. Tamén souberon que o Parga é un hidrónimo que, segundo Edelmiro Bascuas, deriva dunha raíz indoeuropea *PER- co significado de  'atravesar, facer atravesar’.

Como colofón desta charla, e dada a boa disposición do alumnado, Vicente Feijoo dedicou a última hora da xornada para que a rapazada demostrase os seus coñecementos de léxico e toponimia galega: a través dun xogo baseado no recurso Atopando Compostela, os nenos e nenas sacaron os seu instinto competitivo para ir  respondendo por grupos diferentes cuestións sobre topónimos comúns a todo o territorio galego. Esta última actividade  didáctica serviu para que a rapazada ampliase os seus coñecementos sobre o vocabulario da nosa lingua e sobre cuestións históricas e culturais a través dos nomes de lugar.

Desde Galicia Nomeada agradecemos particularmente o interese dos profesores Fátima e Jairo para sumárense por segunda vez a este proxecto co seu alumnado. Tamén  animamos ao resto de alumnos e alumnas deste instituto a participar no proxecto e convidamos o resto de centros de ensino do país a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica.  
 

Galería de imaxes
Tipos