O IES Maximino Romero de Lema continuará neste curso coa recolla da microtoponimia do concello de Zas  

A rapazada do primeiro curso de Bacharelato do IES Maximino Romero de Lema collerá a remuda do traballo de recolleita dos nomes da súa terra a través da aplicación Galicia Nomeada que xa fora iniciado por outros compañeiros e compañeiras no curso 2022-23 tras recibir en novembro de 2022 a charla Toponimízate destinada ao Concello de Zas neste centro de ensino.  

Desta volta, a iniciativa partiu do docente Pablo Mira, profesor de Física e Química e coordinador do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística (EDNL) do centro. A intención deste docente é implicar o profesorado e mais o alumnado de forma conxunta para continuar coa a recolleita da microtoponimia non só no concello de Zas, senón noutros concellos lindeiros bergantiñáns de onte proceden algúns alumnos e alumnas deste instituto.

Deste xeito, tras solicitar a charla á Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, acudiu ao centro o día 28 de xaneiro para impartir un obradoiro cuxa finalidade era vencellar as súas activades didácticas co proxecto institucional de salvagarda e difusión da toponimia galega posto en marcha pola Real Academia Galega e mais a Xunta de Galicia, implicando así as novas xeracións na recuperación dun dos nosos maiores tesouros do noso patrimonio cultural  inmaterial, para que o valoren e aprendan con el. 

O obradoiro estivo adaptado ao público asistente, uns 50 rapaces e rapazas do primeiro curso de Bacharelato, con nocións bastante avanzadas, xa que longo, de xeografía e de lingua. Na sesión formativa tamén estiveron presentes varias profesoras que forman parte do EDNL deste centro: Ana Facal, directora; Begoña Raña, profesora de Física e Química; e Juditt Carbajo, profesora de Xeografía e Historia. 

Durante a charla, despois dunha pequena introdución sobre a riqueza e a importancia que ten a toponimia galega desde o punto de vista lingüístico, histórico e cultural, o alumnado e profesorado asistentes puideron aprender a traballar coa aplicación colaborativa Galicia Nomeada. O seguinte paso despois deste obradoiro será que o alumnado poida recoller os nomes das terras máis achegadas ás casas onde viven eles ou os seus avós e avoas usando plataforma Galicia Nomeada a través dos seus dispositivos móbiles ou do ordenador.  

Normalmente, nestes obradoiros sempre hai unha parte dedicada a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias e daquelas aldeas  do concello polas que pregunte o alumnado. Tendo en conta que Xosé María Lema, autor do libro Toponimia de Zas, visitará proximamente este centro para falar das etimoloxías dos topónimos maiores de Zas, non se tratou este aspecto en profundidade. Ademais, esta obra será  presentada publicamente o venres 6 de febreiro no Auditorio de Baio a partir das 20:00 horas, polo que o alumnado que o desexe tamén poderán asistir coas súas familias a este evento. 

No entanto, proxectáronse os vídeos da sección “O Seminario de Onomástica responde” onde Xosé María Lema fala de topónimos deste concello tan curiosos como O Allo e A Cebola, ou da serie “Os nomes da nosa terra”, como o que ten por protagonistas os veciños e veciñas da Asociación A Fonte de Fornelos, da parroquia de Baio.  

Desde o proxecto Galicia Nomeada agradecemos a oportunidade ofrecida pola comunidade docente do IES Maximino Romero de Lema para levar o noso proxecto ás súas aulas, en especial a Pablo Mira e anteriormente a Francisco Bóveda; e convidamos ao resto de centros de ensino do país a contactar connosco para levar adiante esta interesante actividade lúdica e didáctica.   

 

Galería de imaxes
Tipos