O rescate da toponimia tradicional chega a Guntín

O concello lucense de Guntín é a primeira das paradas desta semana de Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña con que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, tratan de concienciar a poboación da importancia de salvagardar a súa toponimia tradicional a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada. A Casa da Cultura, situada na capital municipal, será o lugar do encontro a partir das 12:00 horas. O evento será presentado por pola  alcaldesa, María José Gómez Rodríguez, e polo profesor de Lingua e Literatura Galega, Carlos Vázquez García, que asistirá cun grupo de alumnos do CPI Tino Grandío para involucralos no proxecto.

Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, acode a este concello do interior da provincia de Lugo por confluíren nel catro claros indicadores que alertan do risco que corre a súa toponimia tradicional de se perder. O primeiro deles é o avellentamento poboacional, pois case a metade dos seus habitantes teñen 60 ou máis anos, ao que hai que sumar a perda de habitantes e, por tanto, persoas que coñezan o propio territorio: desde 1990 Guntín viu como se reducía un 40% a súa poboación. Outro factor é que non participou no Proxecto Toponimia de Galicia nos anos en que este proxecto estivo activo, polo que os nomes das súas leiras, fontes, camiños, penedos... están sen recoller. Por último, desde a posta en marcha da aplicación colaborativa Galicia Nomeada hai xa case 3 anos, só se incluíu un único topónimo neste concello dos máis de 50.000 que os colaboradores levan achegado a través desta ferramenta informática.

A procura, pois, de persoas dispostas a colaboraren coa RAG e coa Xunta neste proxecto de salvagarda da microtoponimia deste concello lugués é o principal obxectivo con que acode a campaña Toponimízate a Guntín. Deste xeito, a charla terá como tema protagonista o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, despois de facer unha percorrido introdutorio pola riqueza toponímica de Galicia, o seu valor como patrimonio cultural inmaterial e o risco que corre de perderse nas últimas décadas.

Ademais, o relatorio tamén incluirá a explicación dos nomes das 31 parroquias de Guntín e algún dos seus lugares, unha parte que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia e académico da RAG. No caso deste concello, xa hai un traballo de investigación previo sobre a súa toponimia maior realizado polo profesor Carlos Vázquez e publicado no ano 2003 baixo o título Toponimia de Guntín de Pallares

Entre algunha das curiosidades que atesoura a toponimia de Guntín figuran Matei ou Grolos: o primeiro trátase dun antrotopónimo procedente do sintagma (villa) Mathei; tamén antropónimo pode ser Grolos, pois podería derivar un nome persoal latino Grullus aínda que tamén foi explicado como hidrónimo procedente dunha raíz *Graw.

Este venres, no Incio

A Campaña Toponimízate continuará na provincia de Lugo na súa penúltima charla do ano. Será a partir das 19:00 horas na sala de usos múltiples da Casa do Concello.
 

Tipos