Os maiores de Ortigueira, protagonistas da última charla Toponimízate 2021
A Campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou á súa fin neste 2021. Este venres 3 de decembro, os usuarios do Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira foron os encargados de pórlle o ramo á edición deste ano cun acto moi especial que tentou aproveitar o saber e o coñecemento do territorio dos usuarios do centro.
O evento respondeu a unha demanda que se escoitou en diferentes partes do país na procura de relacionar o envellecemento activo, a utilidade e a calidade de vida dos nosos maiores coa recuperación da nosa toponimia tradicional. Non en van son estas, as persoas maiores, as que atesouran, manteñen e gardan a nosa riqueza toponímica. Son a memoria viva dos microtopónimos de cada recuncho da nosa terra e do noso mar, por iso, eles e elas son un dos activos máis importantes da nosa cultura.
Escolleuse este centro de Ortigueira polo especial interese que amosaron a educadora social, Ánxela Paz Rodríguez, mais a súa directora, Araceli Collado Díaz, e o psicólogo do centro, David Martínez Lago, en facer unha actividade que, desde o seu criterio profesional e persoal, podía resultar tan útil para exercitar a memoria das persoas usuarias deste centro e para elevar a súa autoestima. Este persoal técnico será o que use a aplicación Galicia Nomeada para subir os topónimos nas excursións que teñen pensado facer na primavera cos avós para visitar distintas zonas do territorio de Ortigueira.
Esta actividade resultou moi especial para todos, para as persoas que viven no centro e para as súas coidadoras, xa que foi a primeira que se realizou despois do longo confinamento provocado pola pandemia. Os avós e avoas mostraron moito entusiasmo coa visita de Vicente Feijoo, que se traduciu nunha gran participación. Falaron de topónimos dos seus lugares de orixe e recitaron algunha que outra cántiga relacionada con eles. Tamén se falou da emigración, pois varias persoas residentes estiveron moitos anos no Uruguai ou na Arxentina, polo que podían falar en primeira persoas dese sentimento tan galego que é a morriña polos nomes da terra que os viu nacer. Tamén lles chamou moito a atención o significado dos nomes do concello de Ortigueira -comezando polo do propio municipio, un lugar onde había moitas ortigas- ou que Luama, Luía e Loiba fosen nomes prerromanos moi antigos que teñen que ver coa presenza da auga.
Vicente Feijoo tivo palabras de agradecemento para todos eles por ser a memoria viva da nosa toponimia e manifestoulle a súa admiración pola valentía coa que se enfrontaron a este ditoso virus e a resignación que implicou estar illados e distanciados dos seus seres queridos. Oxalá todos eles fosen conscientes do moito que os precisamos para que a pequena historia de cada recuncho do noso país non caia no esquecemento.
9 concellos toponimizáronse ao longo deste ano
A do centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira foi a última charla da xeira Toponomízate 2021, que espallou a importancia da nosa toponimia tradicional e a necesidade da súa recuperación noutros 8 concellos do país: Marín, Triacastela, Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo recibiron a visita de Vicente Feijoo; pola súa banda, os centros de ensino de Ribeira, Meaño e O Barco de Valdeorras tiveron a oportunidade de presenciar as charlas telemáticas que foron retransmitidas a través da canle de Youtube da Real Academia Galega.
As 9 charlas Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra súmanse ás máis de 50 que desde o seu inicio tentaron procurar colaboradores para Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa da Xunta de Galicia mais da Real Academia Galega que, desde a súa posta en marcha en 2019, recibiu máis de 32.000 achegas en forma de microtopónimos de todas as partes de Galicia e suma máis de 2.200 persoas persoas e institucións colaboradoras activas neste momento.