Pantón acolle a primeira das paradas Toponimízate 2022

O concello lucense de Pantón será o encargado de abrir o pano da edición 2022 de Toponimízate, a campaña coa que a Real Academia Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia difunden o valor da nosa riqueza toponímica e procuran involucrar colaboradores e colaboradoras neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada. A cita será este venres 17 de xuño, a partir das 20:00 h no Salón de Actos da Casa da Cultura de Pantón.

A charla Toponimízate será conducida por Vicente Feijoo, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da RAG, que será presentado por Antón Palacio, académico correspondente do Seminario de Onomástica da RAG, profesor da Universidade de Vigo e pantonés comprometido coa súa terra. Os dous estarán acompañados de Flora Enríquez, coordinadora das XXXIII Xornadas da Rota do Románico, o tradicional ciclo de conferencias que logo de 2 anos regresa á programación do concello de Pantón e no que está encadrado a charla Toponimízate. 

Durante o transcurso do acto, explicarase o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, a plataforma con que as persoas usuarias poden axudar a salvagardar a nosa toponimia tradicional. No concello de Pantón é necesaria esta tarefa pois, a pesar que se desenvolveu anos atrás o Proxecto Toponimia de Galicia,  só abrangueu o 60% do territorio. Atán, Cangas, Eiré, Mañente, Moreda, Ribeiras de Miño e Vilar de Ortelle son as freguesías deste concello da Ribeira Sacra que están por recoller, polo que facemos un chamamento para que as persoas destas parroquias acudan á charla e poidan colaborar no traballo de recolla.

Outro dos apartados que terán cabida no acto, é o dedicado á explicación dos nomes das 26 parroquias e dalgún dos 295 lugares do concello de Pantón. Esta sección conta co apoio do académico Gonzalo Navaza, aínda que o documento base de partida é a tese doutoral de  Antón Palacio, feita hai xa catro décadas  precisamente sobre a toponimia deste concello da Ribeira Sacra. 

Tal é a riqueza toponímica deste concello que nel podemos atopar exemplos de todas as motivacións semánticas: ecotopónimos como Casanova, Pacios ou A Granxa; zootopónimos como A Oseira ou Pombeiro, hidrotopónimos, como A Regueira ou Augas Santas; litotopónimos como As Laxes; fitotopónimos como Moreda, Abelaira, Salgueiros, Souto ou Campo das Parras; orotopónimos como O Outeiro, haxiotopónimos como San Romao ou Santipedre; antropotopónimos como Reiriz, Pantón ou Guimarás e mesmo xentilicios como Galegos, Toldaos ou Faramontaos, un topónimo este non exclusivo de Galicia e que foi obxecto de múltiplas interpretacións etimolóxicas.

O 4 de xullo, os maiores de Sada serán os protagonistas

Despois de Pantón, a vindeira charla Toponimízate será, talvez, a máis especial da temporada: o día 4 de xullo, o público de excepción serán as persoas usuarias do Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada. Está cita é de especial interese porque é Sada un dos concellos nos que máis urxe recoller a súa microtoponimia; e tamén porque son as persoas maiores as que atesouran o noso patrimonio inmaterial que é a toponimia tradicional. 
 

Tipos