Ponteareas súmase ao proxecto Galicia Nomeada
A campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral de Política Lingüística chegou o mércores 9 de novembro ao Auditorio Reveriano Soutullo cun único obxectivo: sumar esforzos entre Toponimízate, o concello e a cidadanía ponteareá na recuperación e divulgación da súa toponimia tradicional.
Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e encargado de impartir o relatorio, estivo acompañado pola alcaldesa do concello, Cristina Fernández Davila, e do concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba Bouza, que aproveitaron o evento para daren a coñecer os traballos que están a levar a cabo en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns. Trátase dun ambicioso proxecto de recuperación toponímica no que traballan desde hai un ano e que, sen dúbida, supón un grande punto de partida para a recuperación da toponimia do Concello. Outro, o interese que amosou en colaborar con Galicia Nomeada unha das persoas asistentes á charla, Arístedes Carrera, estudoso da historia da comarca e membro da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea, quen ten recollida a microtoponimia e a historia de 6 das parroquias do concello.
Vicente Feijoo aproveitou este feito para presentar a plataforma Galicia Nomeada como a mellor ferramenta tecnolóxica para facer pública toda esa información cultural que se recolleu en papel ata agora. Deste xeito, unha vez que esa toponimia estea xeorreferenciada e normativizada, quedará a disposición de toda a cidadanía xunto ao resto da toponimia galega. Para que os asistentes á charla soubesen como introducir estes datos na aplicación, ensinoulles as principais características da plataforma e todas as vantaxes que ofrece sobre outros servizos de xeorreferenciación: definición das características dos topónimos, inclusión de arquivos de son coa fonética e imaxes, suxestións sobre outros topónimos existentes no visor, consultas por tipoloxías xeográficas...
Ademais destas características máis técnicas, a charla Toponimízate tamén tivo un espazo reservado para descubrir a orixe e significado dos nomes de lugar de Ponteareas, entre eles, os da propia ponte que hoxe é unha das visitas indispensables neste concello, os das parroquias e algúns das súas entidades de poboación polos que se interesaron as persoas asistentes.
Forcarei, seguinte parada da Campaña Toponimízate
A Campaña Toponimízate non sae de Pontevedra na súa seguinte parada: a próxima semana visitará o CEIP Nosa Señora das Dores procurando novas e novos colaboradores entre o alumnado a as súas familias, así como incluír os traballos de recolla de toponimia entre as actividades do centro. A cita será o venres 18 de novembro, partir das 12:00 horas.