A rapazada amesá activa o seu modo galego tamén na toponimia
Arredor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de infantil e a primaria no concello de Ames marcáronse un reto: activar o seu “modo galego” durante tres semanas. Trátase dun proxecto de inmersión lingüística creado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames co nome de “Modo galego, actívao!”, que se enmarca na colaboración que manteñen ambas as dúas institucións desde hai cinco anos en relación coa lingua na infancia.
Durante estes 21 días, os diferentes centros participantes (a Escola de Educación Infantil do Milladoiro; as escolas unitarias de Covas e da Igrexa; e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño) promoven toda unha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas, senón tamén no ámbito extraescolar, familiar e no lecer. Entre as diferentes accións desenvolvidas tamén tiñan que estar presentes o proxecto colaborativo Galicia Nomeada e a toponimia amesá formando parte da actividade titulada “A terra que pisades, polo seu nome”.
Nesta segunda semana de actividades que acaba de comezar, procurase reforzar a vinculación da rapazada entre a lingua e o territorio mediante o coñecemento do seu contorno máis inmediato. E nel, os nomes de lugar teñen un dos papeis máis importantes. “Mapeando Ames” será o resultado do traballo dos nenos, que consistirá na elaboración colaborativa entre os centros dun mapa de Ames. Cada un dos alumnos reflexionará sobre os lugares que forman parte da súa vida cotiá e irá nomeándoos. En cada nome irán incluíndo unha breve etimoloxía inventada en clave humorística, acción que serve para introducir os nenos e nenas no mundo das etimoloxías e nas lendas populares. Para rexistrar todo o traballo que realizarán os e as rapazas terán dúas vías: unha analóxica e outra dixital, aínda que o punto en común das dúas será a plataforma Galicia Nomeada.
Toda a información sobre esta e outras actividades está na web do programa, onde ademais están dispoñibles os manuais para o profesorado, un material de moita utilidade que pode servir de base para que se espalle esta grande iniciativa por outros centros de ensino do país.
Desde Galicia Nomeada queremos darlle os parabéns ao Seminario de Sociolingüística da RAG e ao Concello de Ames por esta iniciativa.