A rapazada do IES San Mamede de Maceda disposta a unirse ao proxecto Galicia Nomeada

A importancia da nosa toponimia e a urxencia da súa salvagarda a través das novas tecnoloxías entrou nun novo centro de ensino. O alumnado de 3º e 4º da ESO do IES San Mamede de Maceda recibiu este martes a visita de Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, e da campaña Toponimízate, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e executada desde a Real Academia Galega.

O centro educativo abriu as súas portas para recibir tamén á veciñanza que desexase asistir á charla. Por iso, foi a propia alcaldesa deste concello ourensán, Uxía Oviedo, quen presentou esta actividade. Tamén estivo acompañada polos alumnos Paula Fernández Espinosa e Martín Sánchez Casado, que se encargaron de presentar a Vicente Feijoo. A alcaldesa animou a todos os asistentes, sobre todo á mocidade, a coñecer mellor o seu propio concello e que mellor forma de facelo que a través da historia que nos contan os nomes da terra. 

Entre os presentes tamén había representación da Delegación en Ourense da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pois acudiron a esta charla o responsable do Gabinete Provincial de Normalización Lingüística desta provincia, Ángel Míguez López, acompañado pola  responsable da Coordinación Provincial dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, Manoli Maseda Sabucedo; ambos os dous entusiasmados coa idea de utilizar a toponimia como unha ferramenta de normalización lingüística dentro do ensino regrado.

Non podemos deixar de mencionar a outro dos presentes, un profesor de lingua xubilado, Xosé María Carballeira, que acudiu coa súa muller desde o concello do Pereiro de Aguiar para saber como funciona a aplicación Galicia Nomeada co obxectivo de comezar a introducir os nomes da súa parroquia nesta plataforma dixital.

Vicente Feijoo quixo pór como exemplo o macedao Xoán Babarro, escritor e académico correspondente, que foi a primeira persoa en comezar a introducir microtopónimos deste concello na plataforma Galicia Nomeada. Trátase dun prolífico autor das nosas letras, con ducias de obras destinadas ao público infantil, e pioneiro na defensa da introdución do galego no ensino na década dos anos 60 do século pasado, así como na defensa do galego de Asturias.

Para continuar co seu exemplo, o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG mostroulles aos participantes neste obradoiro cales son as principais características de Galicia Nomeada e como traballar con ela tanto en dispositivos móbiles como a través da versión web, despois dunha longa introdución en que fixo fincapé na importancia da nosa toponimia como patrimonio cultural inmaterial e do risco que corre de perderse nos últimos tempos. Agardamos que as indicacións dadas sirvan para que axiña o IES San Mamede se una ao máis de medio cento de centros de ensino que están participando na actualidade na tarefa colectiva da recolla toponímica incluíndo Galicia Nomeada entre as súas actividades docentes. Neste senso, queremos agradecerlles ás dúas profesoras responsables de organizar a actividade, Charo Expósito Linares e Chus Sarmiento Macías, o seu interese e compromiso adquirido para comezar a traballar con Galicia Nomeada nas aulas a partir do Nadal, xa no segundo trimestre do actual curso.

Tras as indicacións prácticas, chegou o momento en que a rapazada preguntase polos nomes de lugar que forman parte da paisaxe do seu concello. Vicente Feijoo explicou moitas das orixes das parroquias e lugares de Maceda, entre eles, en Vilardecás, un topónimo que ben pode facer referencia a unha explotación agrícola onde había moitos cans ou que este “cas” fose o alcume dos seus primeiros moradores por seren xente ruín. Porén, a curiosidade deste topónimo reside en que sobreviviu a un proceso de retoponimizacións levado a cabo polas autoridades eclesiásticas no século XVI e que interpretou malsonantes algún nomes de lugar, como Perros e Cans.

Ponte Caldelas pecha as charlas Toponimízate no mes de novembro

A última charla de Vicente Feijoo neste mes de novembro será este venres no Centro Cultural de Ponte Caldelas a partir das 20:00 horas.
 

Galería de imaxes
Tipos