Rodeiro aposta pola recuperación da súa toponimia tradicional
Este venres, o concello pontevedrés de Rodeiro sumouse á Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia percorren o país de norte a sur para difundir a importancia de recuperar a nosa toponimia tradicional e, especialmente, procurar persoas colaboradoras para a tarefa.
A cita tivo lugar no Centro Cultural Manuel Lamazares e nela estivo o alcalde do Concello, Rubén Quintá, quen ademais de presentar a Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, subliñou a importancia de levar esta iniciativa a municipios como o que preside, onde cada vez hai menos xente que saiba os nomes dos montes.
O obxectivo principal da charla foi implicar as persoas asistentes na recolla toponímica dos nomes das súas leiras, camiños, fontes, montes... Este concello xa tiña rexistrados uns 170 microtopónimos, ademais dos nomes das entidades de poboación, e agardamos que trala charla esta cifra aumente de forma exponencial. Vicente Feijoo centrou a súa charla, por tanto, nas principais características da plataforma Galicia Nomeada: como darse de alta, como e onde descargar as aplicacións para dispositivos móbiles, cales son os pasos para engadir un topónimo, como facer unha suxestión sobre outro existente no visor...
Na charla estiveron presentes 4 docentes do CPI Plurilingüe de Rodeiro que manifestaron a súa intención de incluír a recolleita da toponimia dalgunhas aldeas de Rodeiro como un proxecto do centro educativo. A idea inicial que tiñan era que o alumnado recollesen cos seus avós nomes de terras e elementos de interese cultural sobre un plano, pero agora, vendo as posibilidades que ofrece a aplicación Galicia Nomeada e o sinxela que é de usar, xa van traballar directamente con esta ferramenta informática.
Para o final quedou un dos temas que máis interese suscita, aquel en que Vicente Feijoo explica a orixe das parroquias e dos lugares deste concello que ata 1836 levou o nome da xurisdición de Camba, apelido da familia nobre que usou como emblema heráldico a roda de carro do país e que hoxe loce no escudo municipal. Un dos topónimos que máis chamou a atención foi o da parroquia de Pescoso, variante do latín PISCOSU, este á súa vez un derivado de PISCIS ‘peixe’, e que faría referencia á abundancia de troitas nos diferentes regos que regan esta parroquia. As troitas do río Arnego, principal río que atravesa estas terras, tiveron moita sona ata o século XX.