“Somos referentes”, o proxecto do Concello de Vilar de Barrio co que participa en Galicia Nomeada
O concello ourensán de Vilar de Barrio acaba de pór en marcha unha interesante iniciativa na que Galicia Nomeada xoga un papel importante. Trátase da cuarta edición da súa iniciativa “Somos referentes”, un proxecto de voluntariado interxeracional que procurou pór en valor o patrimonio ambiental nas edicións anteriores e desta volta pon o foco na recuperación da súa toponimia local.
A actividade ten a finalidade de recoller o seu patrimonio cultural material e inmaterial, especialmente a súa microtoponimia (nomes de terras, fontes, penedos, regueiros...) desde unha perspectiva interxeracional. Entre as actividades programadas, figuran saídas ao campo co alumnado do centro de ensino do concello, o CEIP de Vilar de Barrio. Deste xeito, o grupo de 8 voluntarios e voluntarias guiará á rapazada nas excursións polas aldeas para xeorreferenciar os nomes das terras a través da aplicación Galicia Nomeada e fotografar os elementos de interese cultural. Nesta actividade, tratarán de involucrar os seus familiares e veciños para que participen as 3 xeracións nun proxecto cultural colectivo.
Tendo en conta o anterior, Laura Rodríguez Lorenzo, técnica de Medio Ambiente do Concello de Vilar de Barrio, contactou con Galicia Nomeada para valorar a posibilidade de vencellar os dous proxectos co obxectivo de que toda a información que se recolla poida estar dispoñible no visor de topónimos institucional, non só para a consulta e uso por parte dos veciños deste concello ourensán, senón para todos os usuarios de internet.
Por este motivo, o pasado mércores 18 de setembro, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, acudiu ao CEIP de Vilar de Barrio para darlles unha formación práctica aos voluntarios do programa municipal, ao alumnado e mais ao profesorado. Nela, explicoulles as funcionalidades de Galicia Nomeada despois de falarlles da importancia da toponimia galega como patrimonio cultural e do risco que corre de perderse. Tamén houbo tempo na parte final deste obradoiro para falar da orixe e significado dos nomes das aldeas e parroquias do concello vilarbarriense.
Á charla tamén asistiu a directora do centro, Manuela Iglesias Baltar, quen amosou non só un grande interese nesta iniciativa desde o punto de vista educativo e didáctico, senón que solicitou nese mesmo intre unha conta de usuaria na plataforma colaborativa coa que, nun par de días, xa introduciu máis de 20 microtopónimos da súa aldea.
Desde Galicia Nomeada queremos felicitar a Laura Rodríguez, técnica do Concello, e a Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio, por apostar pola salvagarda e posta en valor da nosa toponimia con esta pioneira iniciativa planificada con tanto rigor. Esperamos obter moi bos resultados nas vindeiras semanas.