A toponimia e os encontros interxeracionais protagonizaron a charla Toponimízate en Castrelo de Miño
Un dos encontros máis emotivos da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra tivo lugar no CEIP Castrelo de Miño este 5 de outubro. Xunto a todos os nenos e nenas do centro de primaria, estiveron presentes 6 das súas avoas e 5 das súas nais: tres xeracións xuntas de miñenses que fixeron un percorrido pola memoria do concello e das súas mudanzas, especialmente tras a construción do encoro, nas que a toponimia tivo un papel moi importante.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, foi espectador deste diálogo interxeracional en que saíron á luz os nomes que formaban e forman a súa xeografía. Moitas foron as preguntas sobre cales eran os significados das súas aldeas e lugares de procedencia e tamén as interpretacións que de xeito popular circulaban sobre as súas orixes. Algún deles, como a parroquia do Barral facían honra ao seu nome pois as avoas presentes lembraban que de alí se sacaba o barro para construíren as casas.
Mais tamén prestaron moita atención as mamás e os seu cativos para axudaren na tarefa de recuperación dos nomes do seu concello. Tras visualizar as imaxes áreas do voo americano de 1956, as avoas lembraban algúns dos nomes da súa infancia que quedaron asolagados e que agora poderán recuperar situar grazas á Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo tamén convidou ao centro a participar activamente na plataforma, como xa realizan outras escolas e institutos do país. A charla contou coa participación entusiasta de todo o alumnado e implicación do profesorado do centro, especialmente da directora Virginia Álvarez González. A tenente de alcalde, Marisol Alonso Rodríguez, tamén ofreceu toda a colaboración do Concello neste proxecto que lle pareceu sumamente interesante. Pola súa parte, Manoli Maseda Sabucedo, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da provincia de Ourense, fixo fincapé na utilidade deste tipo de iniciativas e proxectos como ferramentas normalizadoras da nosa lingua no mundo do ensino e do seu potencial didáctico.
Próxima cita, Rodeiro
A campaña Toponimízate non ten descanso esta semana: este mesmo venres, Vicente Feijoo achegarase ao concello pontevedrés de Rodeiro para falar da importancia da nosa recuperación toponímica. A cita será no Centro Cultural Manuel Lamazares a partir das 20:00 horas.