A toponimia protagoniza o VI Simposio Monte Pindo

Despois de dous anos interrompidos pola pandemia, o Simposio Monte Pindo regresa con folgos renovados e cun programa onde a toponimia carnotá é a protagonista. Organizado pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, o evento titulado “Arredor da toponimia” terá lugar o sábado 21 de maio no local da Confraría de Pescadores do Pindo e levará a Carnota varios expertos e estudosos da cuestión da toponimia galega, tanto na súa vertente máis académica como no ámbito da sociedade civil, imprescindible para a súa recuperación e do que a propia asociación organizadora é un gran referente.

O VI Simposio Monte Pinto comezará as 10:30 h. A inauguración correrá a cargo de Xilberto Caamaño Beiro, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural, quen dará paso á primeira das palestras. Ás 11:00 h falará Modesto García Quintáns, grande coñecedor da historia da bisbarra, que falará sobre a “Elaboración cartográfica do territorio na comarca”. 

Tras o primeiro descanso da mañá, proxectarase ás 12:15 h a peza audiovisual sobre o Monte Pindo que forma parte da serie documental “Os nomes da nosa terra”, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, dirixida por Antón Moure e conducida por Fran Cañotas.

Despois do documental, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, convidará as persoas asistentes a “Salvagardar a microtoponimia coa app Galicia Nomeada”, o proxecto colaborativo posto en marcha pola RAG e a Xunta de Galicia hai pouco máis de dous anos. A xornada de mañá pecharase cun coloquio.

Xa pola tarde, José Rodríguez Ramos, máis coñecido como Pepe do Fieiro, descubriralles ás persoas asistentes todos os segredos do coñecido como olimpo celta: Pepe foi un dos últimos cabreiros que puido levar o seu gando ao monte do Pindo antes da súa prohibición e coñece “ata a última das pedras e todos os seus detalles, agás onde os mouros gardaron o ouro”.

A Pepe do Fieiro seguirano dúas palestras: ás 17:00 h Martín Fernández Maceiras, do proxecto Gaelaico, falará da “Toponimia da Costa da Morte, Ézaro – Pindo”; e, ás 17:45 h,  será  Alfonso Blanco Quintela, profesor de latín,  quen diserte sobre «A Toponimia do Monte Pindo: moito máis ca pedras».

Chisco Fernández Naval porá a nota poética a través dun recital ás 18:30 h que servirá de preludio ao debate da mesa redonda que pechará o simposio ás 19:00 h. Finalmente, as gaiteiras de Pedras Miúdas porán o ramo a esta interesante xornada.

Queremos darlles os parabéns á Asociación Monte Pindo Parque Natural pola iniciativa e convidámosvos a asistir para descubrir os segredos históricos e culturais que agochan os nomes do Pindo. 
 

O Pindo

 
Tipos